Brabante
Rexión histórica da Europa occidental, que comprendía aproximadamente as actuais provincias belgas de Brabante e Anveres, e a neerlandesa do Brabante Setentrional. Topograficamente é unha área inserida na gran chaira do N de Europa, aínda que a súa altura aumenta de N a S. A rexión está drenada por diversos afluentes do río Escalda e do Mosa, así como por numerosos canais entre os que destacan o canal Alberte e o de Kempenen en Bélxica e o de Wilhelmine nos Países Baixos. Ten solos arxilosos e moi fértiles, o que constitúe a base dunha agricultura e unha gandería florecentes. Os principais produtos son acelgas, ravos, cereais, plantas forraxeiras, árbores froiteiras e outros cultivos industriais. Na gandería destacan a ovina, a porcina e a cabalar. A poboación é urbana. Sobresaen as seguintes cidades: Bruxelas, Louvain, Nivelles, Anveres, Malines, ‘s-Hertogenbosch, Breda, Eindhoven e Tilburg. As densidades de poboación son moi altas: 661 e 550 h/km2 (1983) nas provincias de Brabante e Anveres, e 422 h/km2 na provincia de Brabante Setentrional. O poboamento rural é predominantemente disperso na área meridional, cunha agricultura desenvolvida en grandes franxas, e máis concentrada na área setentrional. A maior parte da poboación de Brabante fala flamengo, aínda que hai unha minoría francoparlante na parte meridional da provincia, e Bruxelas e os seus arredores forman un núcleo bilingüe. A industria radícase preferentemente nos vales dos ríos e arredor dos canais, e atópanse case todas as ramas da industria: siderurxia, metalurxia, química, textil, electrónica e alimentaria. Na Antigüidade estivo poboada polos nervii (nervios), máis tarde foi conquistada polos romanos, e no s V constituíu un dos pagi (distrito) do reino franco. Baixo o dominio de Godofredo I o Grande (s XI), os condados de Louvain e Bruxelas uníronse no Ducado de Brabante; con Enrique I (1190-1235) foi incluída no Ducado da Baixa Lotarinxia. No s XII a súa situación intermedia entre Colonia e Bruxas favoreceu o seu desenvolvemento económico, e nos ss XIII e XIV foi un dos máis importantes centros téxtiles de Europa; sen embargo, a cesión de Anveres e Malines a Flandres (1357), prexudicoulle. En 1430 Brabante pasou ás mans de Filipe III o Bo de Borgoña, e en 1477, polo casamento da súa neta María de Borgoña con Maximiliano de Austria, a rexión pasou ao poder dos Habsburgo, e despois (s XVI) á rama hispánica desta dinastía. Durante a revolta dos estados flamengos (1580) a soberanía hispánica perigou, pero Alejandro Farnesio, dirixindo os tercios españois, someteu o territorio. Non obstante , o Brabante do norte caeu en poder das Provincias Unidas do Norte, calvinistas e republicanos, en 1609, mentres que o sur permaneceu unido á monarquía hispánica. Finalmente, polo Tratado de Utrecht de 1713, o Brabante meridional pasou á rama austríaca dos Habsburgo. Ocupado polos franceses en 1746, volveu a mans austríacas pola Paz de Aquisgrán (1748), pero foi conquistado novamente por Francia en 1794 e estivo baixo o seu poder ata que o Congreso de Viena (1815) asignou Brabante aos Países Baixos. Quedou dividido en tres provincias: Setentrional, Meridional e Anveres. As dúas últimas uníronse á insurrección belga de 1830 e, a partir de 1832, pasaron a formar parte do reino belga, mentres que o Brabante Setentrional seguiu integrado nos Países Baixos.