Braga, Joaquim Teófilo Fernandes
Escritor e político portugués. Estudiou Dereito na Universidade de Coimbra na que se licenciou en 1867, e se doutorou un ano despois. Foi catedrático de Literaturas Modernas do Curso Superior de Letras da Universidade de Lisboa. De ideas republicanas, trala revolución de 1910, foi Presidente do goberno provisional (1910) e Presidente da República Portuguesa (1915). Publicou moitos libros e traballos, sobre todo de temas literarios e filosóficos, e foi un dos principais animadores da denominada “xeración dos 70”. Como poeta escribiu Folhas Verdes (1859),Visão dos Tempos (1864), Tempestades Sonoras (1864), Torrentes (1869) e Miragens seculares (1884). Foi, ademais, un gran coñecedor da literatura popular como o demostra Alma Portuguesa (1902-1904), inspirada nas tradicións e na poesía oral, ademais de investigacións folcloristas como Poesia do Direito (1865); História da Poesia Popular Portuguesa, Cancioneiro Popular e o Romanceiro Geral, todas elas de 1867; Floresta de Vários Romances (1868) ou Contos tradicionais do Povo Português (1883), entre outras moitas. As súas contribucións á Historia da Literatura Portuguesa considéranse aínda na actualidade incomparables pola riqueza de ideas e intuicións e polo esforzo de síntese. Publicou ademais unha História do Teatro Português (1870-1871); a História da Universidade de Coimbra (1892-1902); e estudios sobre Luís de Camões, Almeida Garrett e o Romanticismo. Noutros terreos dedicouse a difundir o pensamento positivista e a intentar adaptalo ao caso portugués en obras como O Positivismo (1878-1879); Soluções positivas da política portuguesa (1879) ou Sistema de Sociologia (1884). Tivo ademais relación coa literatura galega. Foi o responsable da primeira edición crítica do Cancioneiro da Vaticana (1878), escribiu o prólogo do Cancionero popular gallego, de José Pérez Ballesteros (1885), titulado “A poesía popular da Galiza”, e incluíu obras de autores galegos nos seus escritos de teoría literaria.
Cronoloxía
-
Nacemento
Lugar : Ponta Delgada, Os Açores -
Deceso
Lugar : Lisboa