brahmanismo
(< antropónimo Brahma,divindade hindú)
Filosofía e sistema relixioso da India. O termo foi empregado polos primeiros viaxeiros e misioneiros europeos para expresar a influencia da caste sacerdotal dos brahmáns sobre a sociedade. Erroneamente, o termo foi utilizado en Occidente co significado de Hinduísmo. É a relixión de toda a rexión ocupada polos arios. As fontes do Brahmanismo están nos libros sagrados da India: Vedas, textos do coñecemento; Scruti ou textos da revelación; Samhita, colección de himnos; Brahmanas, textos de contido litúrxico ou mitolóxico; e os Upanishad, de carácter filosófico. Os deuses (deva) están xerarquizados; tres deles ocupan lugar preeminente: Brahmā, divindade suprema, pai de todos os deuses, xunto con Visnú e Siva, forman a trimurti ou trindade sagrada. Estes deuses residen no ceo ou no cumio dunha montaña inaccesible (Kailasa, Meru) e o seu comportamento é semellante ao dos homes. O punto esencial da súa filosofía é a realización do divino, que equivale á liberación (moksa); os camiños para acadalo poden ser a ascética física e mental (ioga) e a contemplación mística (bhakti). Ambos conducen ao coñecemento (jñana).