Brahmaputra
Río da Asia Meridional. Nace no Tibet (China), nos glaciares da vertente N do Himalaia co nome de Tsangpo. O seu curso adopta nun principio unha dirección O-L, paralela ao eixo axial da cordilleira, que atravesa virando cara ao S ao chegar ás Mishmi Hills, na fronteira chinesa co estado de Arunachal Pradesh, na India. No estado de Assam, tamén na India, unha vez superado o Himalaia, vira de rumbo cara ao O. Aí recibe o nome de Dibāng, e despois na confluencia do Luhit, cámbiao polo de Brahmaputra. Atravesa o estado de Assam e entra en Bangladesh onde vira de novo cara ao S e se une ao Ganxes preto de Dacca. Desemboca no Golfo de Bengala formando un delta enorme, que constitúe unha das áreas máis densamente poboadas do planeta. O seu curso ten un percorrido total de 2.900 km de lonxitude. Drena unha conca de 939.000 km2 de superficie, que chegan a 1.125.000 km2 se se considera tamén a rede do Ganxes.