Brahms, Johannes

Brahms, Johannes

Compositor. Recibiu os primeiros coñecementos musicais da man do seu pai, e posteriormente ampliounos con Eduard Marxsen no campo da teoría e composición. Traballou en Detmold e instalouse en Hamburgo, compaxinando a súa faceta como pianista coa dirección dun coro feminino (1859). En 1863 trasladouse a Viena onde foi director da Singakademie (1863-1864) e dos Gesellschaftskonzerte vieneses (1972-1873). A súa consagración definitiva como compositor foi en 1868 coa estrea do Réquiem alemán e coa Cuarta Sinfonía (1885). Buscou os modelos das súas obras en Bach ou Schütz, e nos polifonistas do s XVI. Deste xeito, a súa música, que nos seus tempos puido pasar pola expresión dunha actitude artística reaccionaria, ofreceu unha mostra sorprendente de harmonía entre a forma clásica e o pathos romántico. A súa música ten distintos acentos; en primeiro lugar, unha vea intimista e cordial manifestada nos lieder e obras para piano; en segundo lugar, unha vea popular, por exemplo nas Danzas Húngaras (1868-1880) ou nos scherzi das sinfonías; en último lugar, o retorno á tradición da coral luterana no Réquiem alemán ou nas obras para coro e orquestra. Autor prolífico, a súa música caracterízase polo carácter melodioso, pola tensión concentrada e pola gran riqueza de temas. A excepción da ópera, cultivou todos os xéneros musicais. Dentro da súa produción orquestral destacan as súas catro Sinfonías (1876, 1877, 1883 e 1885) e as Variacións sobre o Coral de Santo Antón (1873); na produción camerística destacan o Quinteto con clarinete, op 115 (1891) e os tres Cuartetos de corda, op 51 e 67 (1873 e 1876). Tamén compuxo para piano numerosas sonatas, baladas, variacións (Variacións Haendel, 1861; Variacións Paganini, 1862-1863), fantasías e rapsodias para piano; ademais de composicións diversas para coro, uns douscentos lieder e vinte duetos.

Cronoloxía

  • Nacemento

    Lugar : Hamburgo

  • Deceso

    Lugar : Viena