Brandán

Brandán
[ONOM]

Prenome masculino procedente do celta Brenainn, nome dun santo irlandés do s VI, latinizado baixo as formas Brendanus e Brandanus. Como antropónimo presenta a variante Barandán. San Brandán é un heroe fabuloso de aventuras marítimas, compiladas no s X baixo o título de Navigatio Sancti Brendani. Na mitoloxía popular galega Brandán vén a ser un descendente dos fillos de Breogán que poboaran Eirín. Precursor de Cristovo Colón, embarcou dende Irlanda con catorce monxes para ir predicar ás terras do oeste. No medio da travesía, levantouse unha violenta tempestade que non amainou ata o día de Pascua e que deixou o navío desfeito, sen mastros nin velame. De súpeto, os navegantes arribaron nunha curiosa illa sen árbores e sen pedras. Brandán púxose a celebrar unha misa e a illa tremou; foi daquela cando se decataron de que o que pisaban, era realmente unha xigantesca balea durmida. O santo bispo pregou a Deus para que mantivese a flote aquel monstro e lles permitise chegar á terra; así foi como a balea, empuxada pola corrente, chegou engordiño á costa de Fisterra, onde puideron reparar as avarías e volver ao mar. Esta lenda de san Brandán relaciónase coa historia dos antigos monxes irlandeses quen, confiados na Providencia, arriscábanse a botarse ao mar en cativas embarcacións de coiro (currags), na procura de illas e terras descoñecidas para fundar mosteiros. San Brandán recibe culto na Bretaña francesa e tamén en vilas costeiras dos Países Baixos, Alemaña e Países Escandinavos. Amais de patrón dos mariñeiros, este santo protexe contra os incendios, debido á etimoloxía popular do seu nome francés, asociado a brandon ‘facho’. A súa festa celébrase o 16 de maio.