Brandenburgo
Cidade da land de Brandenburgo, Alemaña, na beira do río Havel (90.400 h [1990]). Porto fluvial, encrucillada de camiños e posteriormente do ferrocarril e das estradas, converteuse nun importante núcleo industrial, destacando as ramas siderúrxica, téxtil, mecánica e química. A súa orixe atópase na fortaleza de Brennabor ou Brennaburg, que foi conquistada a principios do 928 por Enrique I. No 928 foi convertida por Otón I na sede dun bispado secularizado no s XVI. Ocupada cara ao 1150 por Alberte o Oso, obtivo o título de margraviato e despois o de electorado. No s XII Brandenburgo chegou a ser a residencia dos margraves ascanios. En 1848 foi sede da asemblea nacional prusiana. Entre os seus monumentos, moi afectados polos bombardeos da Segunda Guerra Mundial, destacan a catedral románico-gótica, iniciada no s XII, a igrexa gótica de Santa Catarina do s XV, a antiga casa do concello dos ss XIV-XV e algunhas pontes medievais. Ao final da Segunda Guerra Mundial quedou no sector de Alemaña ocupado polo exército soviético, que se converteu na República Democrática Alemana (1949-1990).