Braña
Xurdiu en Santiago en 1977, o seu último número corresponde ao ano 1979. Subtitulouse “Boletín da sociedade galega de historia natural”. Francisco Díaz Fierros Viqueira foi o director desta publicación, editada pola Sociedade Galega de Historia Natural. Posuía un amplo comité de redacción formado por María Luísa Areses Trapote, Luís Freire García, Manuel Freire Rama, Felipe Macías Vázquez, Celso Rodríguez Babío e Emilio Valadé del Río. Entre os colaboradores figuraban Begoña Bas López, Uxío Labarta, Xosé María Losa Quintena, Xoán Rodríguez Silvar, Augusto de Castro, etc. Estaba dividida nas seguintes seccións: “Editorial”, “Ciencia e sociedade”, “Traballos”, “Ciencia sen fronteiras”, “Publicacións”, “Espacios naturais”, “Crónica” e “Bibliografía”. Ilustraba os artigos con moitos gráficos e táboas. A temática desta revista abranguía principalmente traballos que trataban do medio natural xa sexa vexetal, mineral ou mariño, así como artigos sobre xacementos, estudios estatísticos, etc. Os artigos podían ir acompañados dun resumo e dunha conclusión, amais da bibliografía que sempre se especificaba.