Bieito de Nursia, san
Fundador da orde dos Benedictinos ou Bieitos e patriarca do monaquismo occidental. A única biografía antiga que se coñece deste santo é a que lle dedica o Papa Gregorio I no seu segundo libro dos Diálogos, escrito cara ao 593-594. De familia nobre, arredor do 480 foi enviado a estudar a Roma pero, desacougado coa vida disipada da cidade, escapou a Afide e, máis tarde, con 20 anos, retirouse a Subiaco para facer vida eremítica nunha cova durante tres anos. Elixido abade de Vicovaro, a súa sona atraeulle numerosos discípulos, entre eles dous nobres romanos, Mauro e Plácido. Posteriormente emigrou con varios discípulos a Montecassino, nos Apeninos, onde fundou arredor do 528 un mosteiro na cima dun outeiro, que se convertería no seu principal estandarte. De feito, aínda que seguiu coa súa peregrinación e fundación de mosteiros (Terracina, Roma, etc), foi en Montecassino onde pasaría o resto da súa vida, redactando a súa famosa regula monachorum (‘regra monástica’), código fundamental de vida monástica que conseguiría unificar todas as tendencias da vida eremítica dos primeiros anos do Cristianismo que imperaba na Italia do momento. A través dunhas sinxelas normas regulaba a vida en común desenvolvida nos mosteiros como se de grandes familias se tratase, nas que o pai sería o abade. O seu lema ora et labora (‘reza e traballa’), supón a formulación dunha norma integradora do saber e do crer, lonxe da vida contemplativa e pouco produtiva dos ermitáns. A Lenda dourada atribúelle moitos milagres: na cova onde se retirara, un monxe baixáballe pan nunha cestiña pendurada dunha corda, avisándoo cunha campaíña ata que o demo rompeu a campaíña para amolalo; tamén chegou a provocalo cunha erótica muller pero foi quen de vencer a tentación da carne botándose a rolos espido nunhas silveiras; sendo abade, os monxes tentaron asasinalo cun veleno pero salvouse grazas ao sinal da cruz que fixo sobre o vaso envelenado que escachou. En Galicia é un santo moi popular, pois ás romarías dalgúns dos seus santuarios acoden multitude de romeiros atraídos polos poderes taumatúrxicos que se lle atribúen na curación de vultos e espullas; ademais, tamén é avogoso de doenzas dos animais. Na iconografía represéntase cunha ampla tonsura monacal, con ou sen barba, vestido co hábito negro da súa orde, cun báculo abacial e cun libro do regulamento da súa orde. Como atributos persoais leva unha copa da que foxe unha serpe alada (alusión ao milagre da copa envelenada) e un corvo levando un pan no peteiro (alusión a outro alimento empezoñado); ás veces, co dedo nos beizos para indicar silencio. Semella que finou un 21 de marzo (data en que se celebra a festa) cara a mediados do s VI. No ano 577 os lombardos saquearon a abadía de Fleury Saint-Benoît, á beira do Loira. Logo, os monxes de Cassino desmentiron ese traslado e os dous mosteiros disputáronse a posesión das súas reliquias. En 1958 san Bieito de Nursia foi declarado pai de Europa e patrón de Occidente.
Cronoloxía
-
Nacemento
Lugar : Nursia, Umbría