Boletín de la Asociación Provincial de Primera Enseñanza

Boletín de la Asociación Provincial de Primera Enseñanza

Publicación que apareceu o 15 de xaneiro do 1899 en Ourense e que cesou o 15 de decembro dese mesmo ano. Dirixida por Xosé Álvarez y Álvarez, como redactores figuraban Emilio Amor Rolán e Pío Ramón Ogea, e entre os colaboradores Salvador Padilla, Xoán Rodríguez Quesada, Xosé Fernández López, Pilar Pereira, Marcial Quesada, etc. As súas seccións eran: “Sección pedagógica” (unha tribuna libre para os mestres), “Sección de noticias”, “Quejas y reclamaciones”, “Sección legislativa” (disposicións oficiais), “Sección científico-recreativa” e “Correspondencia particular”. A periodicidade era mensual, entregábase os días 15 de cada mes. A temática era a propia dunha publicación profesional na que se combinan artigos científicos con colaboracións literarias; ás veces, recollía tamén artigos doutras revistas pedagóxicas do Estado. A publicación foi fundada pola Asociación Provincial de Primera Enseñanza e figuraba como director o secretario da Asociación. Dende xaneiro de 1900 a liña desta revista foi continuada por El Maestro Gallego.