Boletín de la Comisión Provincial de Monumentos Históricos y Artísticos de Orense

Boletín de la Comisión Provincial de Monumentos Históricos y Artísticos de Orense
[PUBLIC]

Revista do Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense, fundada por Marcelo Macías, coa colaboración de Benito Fernández Alonso, Arturo Vázquez Núñez e Manuel Pereira Rey. O seu primeiro número apareceu o 1 de marzo de 1898 e non cesou ata 1960, compoñendo a colección total un conxunto de 20 tomos encadernados, con índice en cada tomo. Desde 1941 dirixiuna Xoaquín Lorenzo Fernández e o último tomo dedicouse en homenaxe ao prehistoriador Florentino López Cuevillas. De periodicidade bimestral, aínda que irregular, editábase na imprenta La Popular e tiraba arredor de 200 exemplares, cada un deles de 16 a 20 páxinas, incluíndo tamén fotografías en branco e negro. Este boletín tratou moi diversos temas culturais, con seccións de Arqueoloxía, Arquitectura, Escultura, Historia, Literatura, Epigrafía, Numismática, Diplomática, biografías, reseñas bibliográficas e informacións das actividades da Comisión de Monumentos de Ourense. Ao longo da súa dilatada historia contou cun cento de colaboradores, entre os que cabe citar, ademais dos anteriores, a Julio Alonso Cuevillas, Joaquín Arias Sanjurjo, Fermín Bouza Brey, Enrique Cantón, Jesús Carro García, Ángel del Castillo López, Cándido Cid, Antonio Couceiro Freijomil, Manuel Chamoso Lamas, Fr. Samuel Eiján, R. Carballo Calero, F. López Cuevillas, Alfredo Cid Rumbao, X. Ferro Couselo, Antonio Fraguas, José Fernández Gallego, Rubén García Álvarez, Xurxo Lourenzo, José Luís López Cid, A. Martínez Salazar, Manuel Martínez Sueiro, Abelardo Moralejo Laso, Julio F. Ogando Vázquez, Basilio Osaba y Ruiz de Erenchun, R. Otero Pedrayo, Fr. Gumersindo Placer, Xosé Ramón Fernández-Oxea, Antonio Rey Soto, Vicente Risco, Avelino Rodríguez Elías, Juan A. Saco y Arce, Faustino Santalices, Xesús Taboada Chivite, Carlos Vázquez Rodríguez e Alberto Vilanova Rodríguez. Foi a pioneira das publicacións especializadas do Museo, ás que habían seguir o Boletín del Museo (1943-1951) e o Boletín Avriense (1971-en curso).