Boletín Oficial de la Provincia de Vigo

Boletín Oficial de la Provincia de Vigo

Publicación de tendencia liberal nada en Vigo, e da que saíu o primeiro número o 21 de outubro de 1840. Despois do Semanario Patriótico (1823), foi o segundo xornal que se publicou na cidade olívica. O seu nacemento estivo motivado polo pronunciamento progresista do xeneral Espartero (1840), como órgano de apoio ao novo goberno que del saíu. Os liberais da cidade, viron neste pronunciamento a oportunidade para recuperar a capitalidade da provincia, en detrimento de Pontevedra. Así, o boletín nacía como un intento de conseguir esa capitalidade, tendo como principal obxectivo a propaganda e a concienciación, tanto cara á poboación como cara ás autoridades gobernativas. O seu contido eran ordes, cartas, informacións particulares acerca dos acontecementos políticos, editos da Junta de Gobierno da cidade, etc. Entre outubro e novembro de 1840 saíron á rúa 13 números. Segundo un Real Decreto do mesmo mes de novembro, as autoridades dispuxeron que, mentres non se resolvese o preito da capitalidade provincial, esta recaese na cidade de Pontevedra. Deste xeito, o Boletín Oficial da Provincia só se podería editar dende a súa capital, co que o último número da publicación viguesa saíu o 18 de novembro de 1840. Logo pasou a ser chamado Boletín de Vigo, cunha periocidade bisemanal.