Brais, san
Mártir cristián, bispo de Sebaste, en Armenia. Tivo sona de taumaturgo e curandeiro, e moitas son as lendas milagreiras que se lle atribúen. A máis popular é a da espiña de peixe: unha muller desesperada leva perante del o seu fillo, medio esganado por unha espiña de peixe que se lle espetara na gorxa; o santo prendeu os dous cirios que a nai ofrecera como exvoto na festa da Candeloria do día anterior, e colocounos en forma de aspa para tocar, deste xeito, o colo do doente que, de súpeto, quedou libre da espiña. Outra lenda conta como unha pobre muller, desesperada porque un desalmado lobo lle roubara un porco, a súa única riqueza, acode ao santo quen obrigou a fera a restituír a presa; por esta razón, tense considerado como cristianización do mito grego de Orfeo, amansador das feras. Foi martirizado baixo Diocleciano: os verdugos pendurárono do alto dun poste, cunha polea, e esgazaron as súas carnes con peites de ferro ou restrelos para asedar o cánabo; logo foi decapitado. A pesar da súa orixe oriental, é un santo moi popular en Occidente por mor de moitas das súas pretendidas reliquias, como a de Monforte de Lemos. É patrón dos cavadores e peiteadores de la, dos canteiros, dos porqueiros e dos laringólogos. En Galicia atribúenselle poderes taumatúrxicos, en especial contra os males da gorxa (atragoamentos, tose ferina, salouco, etc) e males de oídos. Antes da recente reinvención e ritualización con meigas, facíase a queimada para curar a tose ferina só con caña, folla de loureiro e casca de limón, e nela invocábase a san Brais dicindo: “San Blas, leva a tos e deixa o rapás”. Na Estrada, cando alguén ten un golpe de tose ou devolve, dáselle no lombo dicindo: “San Blas bendito che valla!”. Na iconografía san Brais leva vestiduras episcopais: casula ancha ou capa sobre a alba, mitra sobre a cabeza e luvas; e aparece sempre levando a man dereita á gorxa e nalgúns lugares peites ou restrelos de púas de ferro, cirios cruzados na man, etc. Curiosamente, leva zapatos de distinta cor, en alusión á lenda que di que a Virxe tiña vergoña de se presentar no templo, despois do parto, e san Brais calzouse así para que os maliciosos mirasen para el e deixasen a María en paz. San Brais celébrase o 3 de febreiro; a Igrexa Oriental celébrao o 11 de febreiro. A tradición oral dá abondas mostras da devoción popular por este santo: “Díxoo Brais e non se fale máis”, “Si por san Brais neva, en trinta días non o deixa”, “O día de san Brais a cegoña verás e, si non a ves, inda o inverno vén detrás”, “O día de san Brais ten dúas horas máis”, “Vamos, mozas, a san Brais, que festas non quedan máis”, que alude a que o día de san Brais simbolizaba antano a ponte entre a vida alegre e a austeridade da Coresma, ou “San Brais, unha vez non máis”, que se aplica a unha experiencia, xeralmente negativa, que non se vai repetir.