Bratislava
Capital da República de Eslovaquia e do kraj da Eslovaquia Occidental (451.395 h [1998]). Situada na beira esquerda do Danubio, é un dos portos fluviais e centro comercial da chaira da Eslovaquia Occidental. No conxunto histórico da cidade sitúanse as principais institucións do estado e o centro financeiro, que entre outras entidades acolle a Bolsa de valores. Na periferia da cidade está o núcleo industrial especializado nos sectores da goma e materias plásticas, o alimentario e o de maquinaria pesada. Así mesmo, é un centro turístico importante. Posúe unha refinería que trata o petróleo procedente do Volga, por oleodutos. É centro de comunicacións por estrada e ferrocarril, e ten aeroporto internacional. Entre os centros culturais que acolle cómpre salientar a Academia de Ciencias, o Museo Nacional e a Galería Nacional; entre os universitarios, a Univerzita Komenského Bratislava, fundada en 1919, a Slovenská Vysoká Skola Technicka Bratislava, fundada en 1938, e a Visoká Skol a Ekonomická, fundada en 1940. Dende 1526 ata 1784 foi a capital de Hungría. En 1919 pasou a formar parte de Checoslovaquia, pero de 1939 a 1945 converteuse na capital do novo estado de Eslovaquia. Ocupada polas tropas soviéticas en 1945, foi incorporada de novo a Checoslovaquia. En 1993 converteuse na capital do novo estado de Eslovaquia.