Braunschweig

Braunschweig

Antigo estado da Alemaña setentrional que se estendía entre o río Aller e o Leine, e desde os contrafortes do macizo do Harz ata o río Fuhse; comprendía, ademais, un territorio illado no val do alto Weser, á beira de Holzminden. A capital era Braunschweig. Formou parte dos dominios güelfos en Saxonia. En 1180, cando Federico Barbarrubia desmembrou o ducado de Saxonia, Enrique o León, iniciador da casa de Brunswick, conservou Braunschweig e Lüneburg. O seu neto, Otón I (1204-1252), dividiu o Imperio entre os seus fillos: a Xoán correspondeulle Lüneburg e a Alberte Braunschweig. A inicios do s XVIII, as dúas pólas máis importantes foron as de Lüneburg-Celle, chamada Hannover, e a de Brunswick-Wolfenbüttel. Incluído en 1807 dentro do Reino de Westfalia e incorporado en 1814 á Confederación Xermánica, no ano 1866 pasou a formar parte da Confederación de Alemaña do Norte e, en 1871, do Imperio Alemán. Cando rematou a Primeira Guerra Mundial converteuse nun land da República de Weimar, ata o ano 1934, que foi integrado dentro do III Reich. Actualmente forma parte do land da Baixa Saxonia.

Palabras veciñas

braunita | braunlehm* | Braunschweig | Braunschweig | Brava | bravádego | Bravais, Auguste