Braxe Mandiá, Lino
Escritor, actor, locutor de radio e guionista. Como poeta, vinculado á Xeración poética dos 80, participou nos volumes De amor e desamor I (1984), De amor e desamor II (1985) e Igor de Albatros en Selene (1985); publicou os poemarios Banquete (1990), Entre ruinas (1996), Poemas obxeto e visuais (1999), O sangue dos árabes (1999) ou A caricia da serpe (1999). Escribiu a peza de prosa teatral A promesa (1991); A actriz (1993), coa que gañou o XII Concurso de Teatro Breve da Escola Dramática Galega e o diálogo O amargo camiño de Walter do Outono, incluído no volume colectivo O camiño das estrelas (1993). Como actor participou en diversos espectáculos como Un refaixo para Celestina (1993), Nin me abandonarás nunca (1995), Hostia (1996), Como en Irlanda (1996), Lisístrata (1997), O Bufón de El-Rei (1997) ou Memoria de Antígona (1998). No eido da crítica e da investigación teatral, en colaboración con Xavier Seoane, editou o volume Luís Seoane e o Teatro. Como narrador publicou A memoria perdida (1991), Territorios. Poemas, parábolas e contos (1992) e O tempo dun salaio, entre outras obras, e editou xunto con Xavier Seoane, Galicia emigrante (1954-1971) (1989) e A máxia da palabra: Cunqueiro na rádio (1991). Adaptou e dirixiu para a radio a obra dramática de Álvaro Cunqueiro e A Guerra dos mundos, e para cine A noiva de medianoite, sobre un guión de Buñuel e Barcia. No ano 1995 iniciou a dirección da Fonoteca Teatral de Galicia. É colaborador en distintos xornais e revistas, e participou na fundación e redacción de Luzes de Galiza.
Cronoloxía
-
Nacemento
Lugar : Mugardos