braza
(< lat brachĭa < latbrachĭu ‘brazo’)
-
s
f
[METROL]
Medida de lonxitude que orixinariamente consistía na distancia medida dende o extremo dunha man ata o extremo da outra, cos brazos en cruz. Na actualidade emprégase case exclusivamente para expresar profundidades mariñas e ten distintos valores (entre outras, a española equivale a 1,6718 m e a inglesa a 1,8287 m).
Ex: A profundidade do mar no peirao non chega a dúas brazas.
-
s
f
[DEP]
Estilo de natación, o máis elemental de todos. A súa práctica esixe que o corpo, agás a cabeza, estea mergullado horizontalmente ao mesmo tempo que os brazos realizan un movemento semicircular ata a altura do ombro, dóbranse sobre o peito e son levados de novo cara a adiante sincronicamente. Simultaneamente, as pernas ábrense e péchanse realizando un movemento de impulsión auxiliar. Constitúe un dos catro estilos que se practican nas competicións deportivas celebradas segundo a regulamentación da FINA (Federación Internacional de Natación). Nos campionatos internacionais oficiais (Xogos Olímpicos, campionatos mundiais e continentais) dispútase este estilo, tanto na categoría masculina como na feminina, as probas de 100 m e 200 m, ademais daquelas nas que se combinan os catro estilos homologados (individuais: 200 m estilos e 400 m estilos; por equipos: 4x100 m estilos).
Ex: Esta mesma nadadora foi campioa de braza xuvenil hai dous anos.
-
s
f
[HIST/HERÁLD]
Nas representación heráldicas, peza da armadura que recobre o brazo.