Brazo y Cerebro
Quincenario anarquista, editado na Coruña entre o 1 de maio de 1935 e o 18 de xullo de 1936. Foi o único voceiro, propiamente anarquista na Galicia republicana, das Juventudes Libertarias e dos grupos da Federación Anarquista Ibérica da cidade. Os seus 2.000-3.000 exemplares de tiraxe distribuíronse en Galicia, e tamén en América, entre aqueles emigrantes galegos que simpatizaban coas ideas libertarias. Careceu de director, e foi alentado por un grupo editor que rexeitou calquera tipo de dirixismo e de profesionalización. Nese grupo figuraron o xornalista Idelfonso González, que empregaba o pseudónimo de Gregorio Quintana, Xosé González, Arturo Meirás, Antonio Furnerakis, Xosé Grande, A. Fernández (Furna) e Xoán Expósito, entre outros. Tivo como obxectivo principal a formación dos anarquistas máis novos nun amplo abano de temas: economía, sexualidade, antimilitarismo, ética anarquista, etc. O seu contido trascendeu a temática sindical para centrarse na difusión ideolóxica, influíndo de xeito notorio no proceso de radicalización xuvenil experimentado na cidade herculina nos últimos tempos da Segunda República. Contou con numerosos colaboradores, como Diego Abad de Santillán, o teórico anarquista francés Sebastian Faure ou o escritor arxentino Rodolfo González Pacheco. A única colección completa conservada está no Internationaal Instituut voor Sociale Geschiedenis de Amsterdam.
