Brescia

Brescia

Capital da provincia italiana de Brescia, en Lombardía, situada na saída do val Trompia (190.909 h [estim 1998]). As súas actividades económicas baséanse no aproveitamento dos recursos agrícolas (froitas, viñas e horta); no comercio, baseado no intercambio entre os Alpes e a chaira, e na industria (metalúrxicas, material ferroviario, mecánicas e produtos químicos). Ten unha gran tradición a fabricación de armas e constitúe un nó de comunicacións. Fundada polos celtas, foi conquistada polos romanos no 225 a C, que lle puxeron o nome de Brixia. Foi saqueada por Atila no 452, e nos ss VI-VIII foi a capital dun ducado longobardo. Dende o s XI constituíuse como unha cidade libre ata que, finalmente, caeu baixo o dominio de Venecia en 1426. Durante o período veneciano foi unha das cidades máis ricas e máis prósperas da Lombardía. En 1797 foi conquistada polos franceses, e en 1815 foi cedida a Austria; dende o 1860 forma parte de Italia. Do seu patrimonio arquitectónico salientan a catedral vella ou Rotonda (ss XI-XII), o Broletto (ss XII-XIII), as igrexas de San Francisco (s XIII) e Santa María dos Milagres (s XVI), a catedral nova, iniciada en 1604, a Loggia (casa do concello), comezada en 1492, e a torre do reloxo. No museo da Etá Cristiana consérvanse gran número de pezas da época paleocristiá.