Bretaña
País de Europa occidental que se atopa entre a canal da Mancha e o mar Cantábrico, dende o golfo de Cotentin ao S da desembocadura do Loire, e que ocupa a península armoricana ao NO de Francia (34.023 km2; 3.936.300 h [1990]). Administrativamente Bretaña está dividida en cinco departamentos franceses: Aodoù-an Hanternoz (Côtes d’Armor), Il-ha-Gwilun (Ille-et-Vilaine), Liger Atlantel (Loire-Atlantique), Morbihan (Morbihan) e Penn-ar-Bed (Finistère).
Xeografía
Xeografía física
Xeoloxicamente forma parte do macizo Armoricano e comprende dúas áreas ben diferenciadas: l’Argoat (interior) e l’Armor (costa). O interior é unha área de relevo suave, con cadeas de outeiros, restos de antigas penechairas, que se elevan ata as montañas de Arre e se prolongan cara ao L (landas de Menez). Na costa, que suma 1.350 km, concéntranse as principais actividades económicas e humanas da Bretaña. A costa norte está demarcada por fortes acantilados. Ao S de Brest a costa é máis suave, pero máis recortada polo resultado dunha transgresión mariña que formou numerosos esteiros e rías. O clima é oceánico, con invernos temperados e veráns frescos cunha diminución das chuvias cara ao interior.
Xeografía económica
O sistema de cultivo tradicional é o bocage, tanto nas comarcas litorais como nas interiores, pero a introdución de reformas técnicas como a concentración parcelaria (destruíndo as sebes) está transformando a paisaxe agrícola tradicional. Os principais recursos agropecuarios son os cereais e o gando bovino, orientado á produción láctea. A pesca está industrializada na costa sur e desenvolveu industrias derivadas (estaleiros, conservas, salgadura); os principais portos son Brest e An Oriant (Lorient). Bretaña é un país pouco industrializado, en parte debido á ausencia de investimento público en infraestruturas de comunicacións e equipamentos. Así, coa construción do ferrocarril dende o 1870, moitos bretóns emigraron; actualmente produciuse un estancamento da poboación e un desequilibrio demográfico. A única área propiamente industrial é a de Nantes-Saint-Nazaire, no departamento de Loire-Atlantique, un dos principais núcleos industriais de Francia.
Xeografía humana e sociedade
O poboamento é disperso e a densidade de poboación é máis alta na área litoral ca na interior, e sobre todo no sector máis industrializado (Nantes, Saint-Nazaire). As estruturas sociais de Bretaña diferéncianse fortemente das de Francia. A peculiariedade étnica é patente especialmente na súa manifestación máis característica: a lingua. A actual situación crítica da lingua bretoa explícase polo feito de que, segundo a lei francesa, o ensino, os servicios públicos, a radio e a televisión soamente poden empregar o francés. A problemática social de Bretaña queda de manifesto tanto nas súas estruturas internas como en relación co conxunto do estado francés. Como consecuencia da forte emigración de xente nova, a taxa de natalidade baixou e a taxa de mortalidade medrou notablemente. O grao de desenvolvemento económico do país reflíctese na estrutura da súa poboación activa: predominio do sector primario e menor presenza do secundario por mor da escasa industrialización do país. A agricultura experimenta graves crises de produción, de comercialización e de estruturas. A falla de capital financeiro dispoñible no país tamén se fai sentir. Para tratar de atallar o descenso demográfico e de favorecer o desenvolvemento económico, no 1951 foi constituído un Comité d’Études et de Liaison des Intérêts Bretons (CELIB). Este comité elaborou diversos plans de desenvolvemento, pero o goberno francés non aceptou ningún. Esta decisión orixinou, a partir do 1962, violentas manifestacións populares que demandaban a modernización do país e que foron promovidas polos movementos políticos nacionais bretóns. O agravamento do malestar foi a causa dunha serie de atentados contra edificios do estado baixo a responsabilidade, sobre todo, da Fronte de Liberación de Bretaña (FLB). Este movemento fixo revivir a problemática étnica, cultural e social de Bretaña co fin de superar os vellos esquemas rexionalistas. Na fin do 1969, transformouse nunha fronte de acción política; cinco anos despois foi prohibida polo estado francés, pero os atentados contra obxectivos franceses continuaron durante a década dos oitenta. A raíz do referendo de 1969 a poboación bretoa pronunciouse maioritariamente pola rexionalización.
Historia
Coñecida co nome de Armórica ata as invasións bretonas do s V, tivo durante a Idade do Bronce un gran desenvolvemento económico, que deu lugar á eclosión da gran cultura megalítica: Karnag (Carnac), Locmariaquier, etc. Os romanos ocuparon o territorio no ano 56 a C, convertérono en provincia romana. Nos ss V e VI, trala retirada dos romanos, grupos de británicos (celtas nativos de Britania) refuxiáronse no noroeste de Armórica, fuxindo da invasión de saxóns e xutos, e asimilaron facilmente os reducidos grupos galorromanos, dándolle á rexión o seu actual nome, Bretaña. Baixo os carolinxios (ss VIII-IX) converteuse na Marca de Bretaña. Un dos xefes locais, Nominoe, vasalo de Luís o Piadoso (814-840), enfrontouse á soberanía franca acentuando a independencia de Bretaña. Durante a segunda metade do s IX loitou contra os invasores normandos. A finais do s X o conde de Rennes, Conan I, proclamouse duque de Bretaña, unificando o Ducado baixo a súa autoridade nominal. No s XI estivo baixo dominio da casa de Cornualles e no s XII baixo os Plantagenet. A principios do s XIII volveu a mans da liñaxe dos duques franceses de Rennes. Cara ao 1320 foi redactado o Mellor Antigo Costume de Bretaña, que reunía por escrito o réxime xurídico-constitucional bretón. Os Plantagenet e os Valois, reis de Francia (ss XIV-XV), enfrontáronse na Guerra de Sucesión de Bretaña (1341-1364), paralela á primeira parte da Guerra dos Cen Anos; esta loita acabou co triunfo do candidato inglés, Xoán de Montfort, que representaba o mantemento das características propias. Bretaña era un lugar clave para os desembarcos ingleses, de maneira que ingleses e franceses buscaron complicidades e alianzas favorables á súa política. O triunfo de Francia na Guerra dos Cen Anos puxo en perigo a autonomía do Ducado. A nobreza bretoa sentiu moi cedo a atracción da corte francesa, e a coroa francesa iniciou unha política matrimonial coa casa ducal -matrimonio de Ana de Bretaña con Carlos VIII (1491) e Luís XII (1499), sucesivamente-, que acabou poñendo a Bretaña baixo a influencia francesa. No 1532, Francisco foi coroado Duque e, á súa morte, acontecida no 1547, o ducado foi incorporado á coroa. Os bretóns reserváronse o dereito fiscal, militar, xurídico e constitucional sobre o seu territorio e o dereito sobre os seus beneficios eclesiásticos. O rei-duque impuxo no 1539 a utilización única do francés nos asuntos administrativos e impulsou a creación do parlamento de Bretaña en Nantes (1552), que foi convertido nun organismo de asimilación do sistema xurídico bretón. Dende o punto de vista económico, os intentos de centralización de Richelieu, e no s XVII a política mercantilista de Colbert, comezaron a arruinar a economía de Bretaña. A Revolución Francesa puxo fin definitivamente ao réxime constitucional e institucional bretón. Bretaña reaccionou co levantamento da Chouannerie (1793-1799), movemento de carácter moi complexo, xa que os intereses bretóns se mesturaron tamén cos intereses contrarrevolucionarios do antigo réxime. No s XIX a perda dos mercados provocada polo bloqueo continental, a ruína da produción urbana tradicional e o proteccionismo francés imposibilitaron a industrialización de Bretaña e, como consecuencia, moita poboación viuse na obriga de emigrar do país. Durante as últimas décadas do s XIX apareceron as primeiras organizacións político-culturais bretonas, que reivindicaron sobre todo a autonomía administrativa e económica do país e a oficialidade da lingua. A guerra do 1914 representou un desastre demográfico para o país, e a realidade nacional bretoa tampouco foi recoñecida no Congreso de Versailles (1919). En xuño de 1940 os alemáns ocuparon Bretaña; durante a guerra, logo de teren apartado os militantes nacionalistas máis radicais mediante a complicidade do goberno de Vichy, practicaron unha política de oportunismo político cara ás actitudes culturais do movemento bretón. Malia todo, grupos de bretóns pasaron á resistencia, e o maquis despregou unha grande actividade. Na segunda metade do s XX a oposición nacionalista bretoa ao centralismo francés radicalizouse coa creación da Fronte de Liberación de Bretaña e do Exército Republicano bretón, que propugnan unha maior independencia e o recoñecemento dos límites históricos do país. Estes límites non foron respectados na nova división administrativa francesa de 1982, que excluía da rexión de planificación da Bretaña o departamento de Loire-Atlantique, co maior índice de concentración industrial de toda Francia, era incluído na rexión do Pays de la Loire.