Breviarium secundum consuetudinem Auriensis ecclesiae
Documento impreso posiblemente cara ao ano 1489 ou 1490 do que se conserva un exemplar no arquivo da catedral de Ourense. Foi descuberto por F. J. Norton e Antonio Odriozola en 1960. Este exemplar conservado ten 280 follas en papel, ao que lle faltan 15 follas do principio e dúas do final; con elas desapareceu tamén o ano, lugar e nome do impresor encargado deste incunable. Ten unha tipografía con dous tamaños que tenden a unificarse. Cada folla está dividida en dúas columnas de trinta e cinco liñas, nunha caixa de impresión de 102x153 mm. O papel é groso e de boa fabricación, con filigrana de man e estrela. No seu contido atópase un calendario mes a mes, táboas cronolóxicas, un salterio con himnos, oficio de defuntos e horas da Virxe, un dominical, un santoral e, na parte final, un ritual e un misal, onde se encontran varios exorcismos, fórmulas para bautismo, extremaunción, defunción, prefacios, misa de defuntos, canon da misa e varias misas votivas. Á parte desta impresión, consérvase un fragmento de dúas follas en pergameo no Arquivo Histórico Provincial de Pontevedra, outra, posiblemente editada en Monterrei (1496), con poucas follas, e outra de Salamanca (1501), completa e situada na biblioteca do cabido de Toledo.