Brežnev, Leonid Iljič

Brežnev, Leonid Iljič

Político soviético. Fillo dun obreiro da metalurxia, graduouse no instituto metalúrxico da súa cidade natal (1935) e converteuse en enxeñeiro siderúrxico. Membro do Partido Comunista da Unión Soviética (PCUS) desde 1931, no 1937 formou parte do Comité rexional de Dniprodžerzyns’ke. Durante a Segunda Guerra Mundial chegou a ser comisario político da IV fronte de Ucraína (1942-1945). Tamén foi primeiro secretario do Comité Central do Partido Comunista da República de Moldavia (1950) e membro do Comité Central do PCUS desde 1952, do que pasou a ser secretario xeral en 1964, formando parte da troika que completaban Aleksej Nikolajevič Kosygin, como primeiro ministro e Nikolaj Viktorovič Podgorny, como presidente do goberno desde 1965. En 1976 foi nomeado mariscal da URSS e un ano despois substituíu a Podgorny adoptando unha nova Constitución. A doutrina Brežnev da “soberanía limitada” -a soberanía dun Estado comunista ten o seu límite nos intereses da comunidade socialista-, deu lugar a unha política de intervención que provocou a entrada de tropas en Praga (1968) e avalou a invasión de Afganistán (1979). Na década dos setenta fomentou unha política de distensión con EE UU, cos que asinou acordos de cooperación científica e de limitación de armamento: Tratados de Limitación de Armas Estratéxicas SALT I (1972) e SALT II (1979).

Cronoloxía

  • Nacemento

    Lugar : Dniprodzeržyns’ke, Ucraína

  • Deceso

    Lugar : Moscova