Brigantium

Brigantium

Cidade vinculada ao pobo dos ártabros (arrotrebae) que presenta algúns problemas de localización, podendo tratarse da actual Coruña ou de Betanzos. Antes da chegada de César, esta comarca do NO da Gallaecia tiña sona como enclave comercial dotado dun porto situado nas grandes rutas comerciais do Atlántico e afeito a recibir a visita de comerciantes e mercadores. Nos anos 60-61 a C, César dirixiu unha campaña neste territorio para obter un importante botín e ampliar así as relacións comerciais. A expedición serviu tamén para comprobar as riquezas mineiras da Gallaecia, fundamentalmente o ouro, deixando a rexión en condicións de recibir unha explotación comercial regularizada. A dominación romana non foi efectiva ata a fin das Guerras Astur-Cántabras. En Brigantium debeu existir un gran porto, en consonancia coa categoría do faro romano que aínda se conserva, e posiblemente a súa estrutura estivese formada por un dique con sucesivos arcos, por debaixo dos que se introduciría o mar. Os restos aparecidos en diversas escavacións, non revelaron ningún elemento notable en consonancia coa importancia mariñeira que debeu ter antano, confirmada polas aras honoríficas da Igrexa de Santiago e polo faro. A cidade sufriu unha intensa romanización durante os tres primeiros séculos da nosa era, adquirindo con Vespasiano o dereito latino, e pasou a denominarse Flavium Brigantium. Paralelamente, experimentou un auxe comercial, favorecido polo establecemento no s II d C dun faro para auxiliar a navegación e por converterse en punto de paso da transitada Via XX per Loca Maritima, que ía de Braga a Astorga pola costa. A torre de Hércules, famoso faro da antigüidade, seguiu o modelo do de Alexandría. Dispuña, segundo varios estudiosos, dunha rampla helicoidal exterior, que rodeaba a planta cadrada, duns dez metros de lado, na que se superpoñían tres corpos dunha altura similar (9 metros) salvo o terceiro (duns 13 metros), terminada cun remate hemisférico. Durante o Baixo Imperio a cidade entrou nunha acusada decadencia debido á flutuación que experimentan os negocios do Imperio, orientándose máis cara ao comercio con Oriente. Citada polos autores clásicos Ptolomeo e Dión Casio, rexístrase tamén no Itinerario de Antonino como Brigantium. A partir do s IV utilizouse a grafía de Brigantia e na documentación medieval atéstanse as formas Farum Precantium e Farum Brigantium.