Britania
Nome que os romanos daban a Gran Bretaña. Antes da conquista romana foi ocupada por pobos celtas. Xulio César comezou as expedicións para sometela (55 e 54 a C), pero ata o reinado de Claudio (43 d C) non foi conquistada. Co xeneral de Domiciano, Gneus Xulio Agrícola (70-85 d C), a ocupación romana chegou á súa máxima extensión. O emperador Adriano visitou Britania no 122 e comezou a construción dunha muralla de 117 km desde o golfo de Solway ata a desembocadura do Tyne, no mar de Irlanda, muro que foi destruído polos meatíns e refeito por Antonino Pío (142) máis ao norte, e que separou a Britania romana da bárbara ou Caledonia (agora Escocia). Como provincia romana, no 197 foi dividida en dúas, Britannia inferior ou meridional e Britannia superior ou setentrional. Diocleciano, máis tarde, creou catro (Britannia Prima e Secunda, Flavia Caesariensis e Maxima Caesariensis) e Teodosio engadiu a quinta (Valentiniana). No primeiro cuarto do s V o xeneral Aecio retirou definitivamente as tropas romanas da illa. Paralelamente á conquista se produciu o fenómeno da lenta penetración da cultura latina, aínda que só as capas altas da sociedade e o mundo urbano aceptaron o idioma romano e a súa forma de vida, mentres os británicos das zonas máis afastadas conservaron a súa cultura nativa. Como continuación do Imperio, o elemento militar tivo un papel importante neste proceso de asimilación. Moitos campamentos militares (castra) co tempo chegaron a ser núcleos urbanos, formándose ao seu redor centros comerciais comarcais. Outro froito da romanización foi a creación dunha considerable rede viaria. Londres foi un importante nó de comunicacións, unido coas principais cidades e tamén coas rexións do norte, de capital importancia estratéxica. Malia o desenvolvemento urbano, unha gran parte da poboación continuou vivindo no campo. Adquiriu unha grande importancia o sistema de explotación agropecuaria ao abeiro das villae rusticae, que eran posesións dun señor que dispuña de escravos para o cultivo das terras e tamén de coloni. A vida relixiosa continuou igual que na época prerromana, aínda que se produciu o fenómeno de asimilación das divindades indíxenas ás romanas. A partir do s II tomaron forza os cultos orientais. A administración da provincia dependía do gobernador nomeado directamente dende Roma e os municipios rexíanse segundo leis propias e exclusivas de cada un deles. O país foi dividido en cantóns, que corresponden ás demarcacións das antigas tribos e gozaban dunha grande autonomía. Ao retirarse os romanos a súa cultura e influencia desapareceron durante as novas invasións xermánicas dos ss V e VI.