Bríxida de Suecia, santa

Bríxida de Suecia, santa

Escritora mística sueca de orixe nobre. Fundou unha orde monástica feminina e recibiu o nome da santa irlandesa. Casada con Ulf Gudmarsson (1316), tiveron oito fillos, entre eles santa Caterina de Suecia. Despois dunha famosa peregrinaxe a Compostela, Bríxida e o seu marido decidiron entrar na vida relixiosa. Logo de quedar viúva aos 40 anos entrou nun mosteiro cisterciense, onde tivo visións místicas, descritas no seu libro das Revelacións. Fundou en Vadstena un mosteiro mixto, onde foi abadesa; tiña como insignia cinco pequenas chamas semellando pingas de sangue, símbolo das cinco chagas de Cristo. Todos os venres, en lembranza da paixón de Cristo, deixaba caer na súa man cinco pingas de cera ardente provocando a aparición dunha ferida. Obtivo a aprobación papal da súa orde no 1370 e morreu en Roma despois dunha peregrinación a Terra Santa. É moi venerada en Suecia, onde se converteu na Sibila dos cristiáns. Consíderase patroa dos peregrinos, pois visitou os tres centros principais da Idade Media: Compostela, Roma e Xerusalén. Na iconografía represéntase cuberta por un veo ao xeito das viúvas ou vai vestida de madre abadesa co hábito da orde e coa cruz abacial; ás veces vai tamén de peregrina co bordón e co sombreiro alado; os atributos persoais son un corazón coa cruz vermella de Xerusalén e as cinco chagas, un cirio (o das pingas de cera) ou unha coroa real aos seus pés (porque renunciou ao seu rango de filla de rei). Canonizada no 1391, a súa festa celébrase o 23 de xullo ou o 8 de outubro.

Cronoloxía

  • Nacemento

    Lugar : Finstad, Uppland

  • Deceso

    Lugar : Roma