Brno
Capital do kraj de Moravia Meridional, en Moravia, República Checa, na confluencia dos ríos Svratka e Svitava (388.889 h [1996]). Dominada pola fortaleza de Špilberg, está situada sobre unha conca terciaria cuberta de sedimentos de loess. É un centro agrícola e comercial onde a industria téxtil ten tradición dende o s XVIII. Ademais é un centro industrial moi diversificado, destacando os sectores da maquinaria, química, téxtil, e de fabricación de armas e instrumentos musicais. Encrucillada do ferrocarril e de estradas, ten aeroporto. Conta con diversos centros de ensino superior: a Universidade J. E. Purkyné, escola de enxeñería agrónoma fundada en 1919; a Universidade Politécnica de Brno, fundada en 1899; a escola universitaria de veterinaria (1899); e o conservatorio superior de música. É sede dunha das orquestras filharmónicas de máis sona do mundo. Posúe un circuíto de velocidade para motociclismo e automobilismo, no que se celebra, entre outros, o Gran Premio da República Checa, proba motociclista incluída tradicionalmente no calendario dos campionatos mundiais. Preto de Brno atopáronse restos humanos do Plistoceno. Fundada no s IX, Brno foi capital de Moravia, da que seguiu todas as vicisitudes políticas. Foi asediada polos suecos de Torstensson en 1645 e serviulle a Napoleón de cuartel xeral durante a Batalla de Austerlitz (1805). Entre o seu patrimonio monumental cómpre mencionar as igrexas góticas de Santiago e de Santo Agostiño, a casa do concello (1511) e a igrexa barroca dos xesuítas.