Brocos Gómez, Modesto
Pintor e gravador. Iniciouse na arte do gravado da man do seu irmán Isidoro Brocos con quen estudiou na Real Sociedade Económica de Amigos do País de Santiago de Compostela. En 1871 trasladouse a Bos Aires, onde colaborou como gravador en diferentes publicacións. En 1872 instalouse en Rio de Janeiro onde ampliou estudios na Academia de Belas Artes. Colaborou en La Ilustración Gallega y Asturiana, onde realizou un gravado que despois realizou o seu irmán en xeso: Os últimos momentos de Herodes. En 1877 trasladouse por primeira vez a París para estudar na Escola Nacional de Belas Artes xunto a Lekman. Entre 1879 e 1881 estudiou na Real Academia de Bellas Artes de San Fernando de Madrid baixo a tutela de Federico de Madrazo. Regresou a París e foi discípulo de Hebert. Interesado pola obra de Ingres, gustou do debuxo e fixo da beleza un ideal. En 1883 por Rebeca dando de beber a Elizer, obtivo unha bolsa da Deputación da Coruña para estudar en Roma durante catro anos na Academia Gigi, estadía que aproveitou para realizar A defensa de Lugo. En 1890 marchou a Brasil, onde foi nomeado profesor de debuxo de figura na Academia de Belas Artes de Rio de Janeiro e posteriormente catedrático de debuxo da Escola Nacional de Belas Artes (despois Academia Imperial de Belas Artes). En 1897 viaxou a Santiago de Compostela para realizar o tríptico A tradición do Apóstolo Santiago, que se atopa na sancristía da catedral compostelá. En 1911 foi nomeado profesor extraordinario de debuxo na citada Academia e pertenceu ao Conselho de Belas Artes. En liñas xerais a obra de Brocos está situada dentro dun naturalismo ecléctico que recolle as diversas tendencias vixentes na pintura oficial europea dos anos finais do s XIX. Obtivo o Premio de Honra do goberno do Brasil co cadro Redención de Caín.
Cronoloxía
-
Nacemento
Lugar : Santiago de Compostela -
Deceso
Lugar : Rio de Janeiro