Brook, Peter

Brook, Peter

Director de escena. Iniciou a súa actividade teatral mentres estudiaba en Oxford, presentando espectáculos de baixo presuposto durante a Segunda Guerra Mundial. En 1945 estreou co Birmingham Repertory Theatre unha peza a partir dun texto de Shakespeare, King John, que lle abriría as portas do Shakespeare Memorial Theatre de Stratford-upon-Avon, denominado a partir de 1961 Royal Shakespeare Company. Nesta compañía dirixiu espectáculos como Love’s Labour’s Lost (1945), Measure for Measure (1950), Titus Andronicus (1955) ou King Lear (1962). Influenciado polas propostas de Antonin Artaud, Bertolt Brecht ou Jerzy Grotowski, procurou un estilo propio que reflitiría no seu libro The Empty Space (1968) e en espectáculos como Marat-Sade (1964) de Peter Weiss, trasladado ao cine, ou U.S. (1966), realizado en equipo e con elementos de improvisación, que dan conta do seu compromiso político e humanista. En 1968 trasladouse a París e recuperou un teatro abandonado, Les Bouffes-du-Nord, que converteu xunto con Micheline Rosan na sede do Centre International de Recherche Théâtrale. En 1974 fundou o Centre International de Créations Théâtrales. Desde a capital francesa iniciou unha nova etapa no seu traballo investigador viaxando por Asia e África na procura dos elementos precisos para sentar as bases dun teatro multicultural. Froito destas pescudas son espectáculos como Timon d’Athènes (1974), Les Iks (1975), La conférence des ouseaux (1976), Ubu (1977) ou The Mahabharata (1985), unha das propostas máis sobresalientes de todo o s XX, presentada nunha canteira no Festival de Aviñón. En 1998 participou no Compostela Millenium Festival con dous espectáculos: Je suis un phénomène (Eu son un fenómeno) e Oh les beaux jours (Días felices), a partir do célebre texto de Samuel Beckett, Happy Days. Os seus espectáculos destacan polo rigor na interpretación, pola sinxeleza da posta en escena, pola dramaturxia dos textos escollidos e pola súa capacidade innovadora. Amais do seu traballo como director de escena, desenvolveu un intenso labor como profesor e conferenciante, e publicou obras de referencia obrigada no eido da teoría e a estética teatral contemporánea: The Shifting Point (1988), There are no secrets (1993) ou Threads of time. A memoir (1998), relato autobiográfico no que o autor ofrece un valioso e iluminador reconto da súa vida e obra. No campo cinematográfico destacan os filmes: The beggar’s opera (A ópera do mendigo, 1953), Moderato Cantabile (1960), The Lord of the Flies (1962), King Lear (O Rei Lear, 1971), Meetings with remarkable men (1977) e The Mahabharata (O Mahabharata, 1989).

Cronoloxía

  • Nacemento

    Lugar : Londres