brucelose
(< Brucella, xénero de bacterias+ -ose)
Nome xenérico das enfermidades infecciosas causadas por bacterias do xénero Brucella. A reserva natural destas bacterias son os animais, sobre todo o gando bovino (B. abortus) o cabrún (B. melitensis), o porcino (B. suis), o ovino (B. ovis) e os cans (B. canis). A enfermidade pódese transmitir ao ser humano por contacto directo ou pola inxestión de produtos animais, especialmente leite e os seus derivados. A especie B. melitensis, primeira en ser descuberta en 1887 por D. Bruce, é a que provoca a maior parte de bruceloses no ser humano e produce o cadro clínico coñecido como febre de Malta. A especie B. abortus, que no gando causa abortos, no ser humano provoca a enfermidade de Bang, de síntomas semellantes á febre de Malta.