Brueghel Bruegel
o Vello (Breda?, Brabante Setentrional 1525? - Bruxelas 1569) Pintor flamengo, chamado tamén Boeren Brueghel (Brueghel dos campesiños). Actuou de ponte na pintura flamenga, entre o gótico e o barroco aínda que presentou marcados trazos renacentistas. Impuxo unha temática interesada polo pobo flamengo e a natureza que o envolve. Ingresou en 1551 no gremio de pintores de Anveres. Entre 1552 e 1554 fixo unha viaxe por terras de Francia e de Italia. En 1555 debuxou unha serie de cadros de Hieronymus Bosch, feito que lle influíu notablemente. Desde 1560 dedicouse plenamente á pintura. O seu estilo caracterízase pola indiferenza a toda beleza ideal, o sentido irónico, o fondo ata un certo punto pesimista, as paisaxes amplísimas e as escenas cheas de personaxes. A súa obra é moi numerosa: Combate entre o entroido e a coresma (1559-1560), A caída de Ícaro (1562); entre 1563 e 1564 realizou A adoración dos Reis, O triunfo da morte e A subida ao calvario; en 1565 fixou unha serie de cadros referentes aos meses: Cazadores na neve, O día nubrado e A sega; entre 1566 e 1567 pintou cadros de temática bíblica como A matanza dos inocentes; de 1568 son O banquete nupcial, A danza dos campesiños e A parábola dos cegos.