Brunelleschi, Filippo di Ser
Arquitecto e escultor. Foi, xunto con Donatello e Masaccio, un dos iniciadores do Renacemento. Iniciouse no campo da escultura. En 1401 presentouse ao concurso, gañado por Ghiberti, para as segundas portas do baptisterio de Florencia cun relevo en bronce do sacrificio de Abraham. Despois decantouse pola arquitectura. En 1409 traballou na Torre della Petraia de Florencia e na casa de Apollonio Lapi no Canto de Rici, e realizou unha escultura, o crucifixo de madeira da capela Gondi en Santa Maria Novella. Ao longo do segundo decenio do s XV traballou para a signoria de Florencia como enxeñeiro e construtor de fortificacións. Preocupado pola perspectiva xeométrica, introduciu a arte do renacemento italiano, e en especial a pintura, no camiño do estudo teórico e apriorístico do espacio. Foi o primeiro en empregar un único punto de fuga na representación dos obxectos nunha superficie plana. En 1418 realizou as capelas de Barbadori en Santa Felicita e Rodolfi en San Jacopo Soprano. Proxectou a basílica de San Lourenzo, que non comezou ata 1420, cunha planta inspirada nos modelos romanos e paleocristiáns e que denota un ríxido pensamento matemático. Gañou o concurso para a construción da cúpula da catedral de Florencia, iniciada en 1420, edificando sobre un tambor octogonal un dobre casco de perfil oxival, unido por tirantes, e aproveitando o espazo baleiro que queda entre ambos para a rampla que sobe en espiral contra a lanterna, que fai de coroamento e non foi acabada ata 1461. En 1419 proxectou o Hospital dos Inocentes, que construíu entre 1421 e 1444 cun pórtico no que emprega por primeira vez a columna romana e o arco de medio punto. A sancristía vella de San Lourenzo (1420-1428), xunto coa capela Pazzi, iniciada en 1429, significan senllos fitos na liña evolutiva de Brunelleschi, preocupado polo problema da centralización da planta nos edificios relixiosos e, por outra banda, a solución que deu á arquitectura na cuestión da organización das superficies murais internas, segundo un ritmo rigorosamente compartimentado baseado nas liñas rectas das pilastras e entaboamentos e nas curvas dos arcos e dos modillóns. En 1434 proxectou e comezou a igrexa de Santa María degli Angeli, de planta centralizada, en 1435 a basílica do Santo Spirito. O palacio Pitti, iniciado en 1440, non está documentado como obra súa, aínda que os tratadistas atribúenllo.
Cronoloxía
-
Nacemento
Lugar : Florencia -
Deceso