Bruno, Giordano
Filósofo e escritor. Dominicano e doutor en Teoloxía, abandonou a súa orde no ano 1576 e viaxou por case toda Europa, en conflito constante cos calvinistas e cos católicos. Acusado de herexía, foi apresado pola Inquisición en Venecia en 1593 e, tras un longo proceso, morreu na fogueira. Influído polo neoplatonismo, o sensualismo, o panteísmo, certas prácticas máxicas e, sobre todo, pola filosofía de Nicolao de Cusa e a nova astronomía de Nicolao Copérnico, desenvolveu unha nova concepción do mundo que rebatía as teorías que o interpretaban como unha totalidade ordenada xerarquicamente, xirando ao redor dun centro fixo. Postulaba que o sistema solar formaba parte doutro máis amplo, este, á súa vez, doutro, e así ata o infinito. Este mundo infinito, no que todos os puntos son centro, non se identificaba simplemente cunha manifestación divina, como defendía Nicolao de Cusa, senón co propio Deus. Ao mesmo tempo, insistiu nunha nova concepción do home pola que, trascendéndose a si mesmo, expandíndose no universo e acolléndoo todo dentro de si, tomase conciencia do Deus que hai dentro dun. As súas teorías levárono a polemizar, non só contra as crenzas e poderes constituídos, senón tamén contra as regras retóricas, o petrarquismo e calquera forma de aceptación pasiva de normas extrínsecas ao individuo. A súa obra influíu, a través de Spinoza e Leibniz, no romanticismo alemán. Compuxo poemas lírico-heróicos e comedias como Il candelaio (O cereiro, 1582). Da súa produción cómpre salientar De compendiosa architectura et complemento artis (Sobre a arquitectura compendiosa e o complemento da arte, 1582), De umbris idearium et arte memoriae (Sobre o ideario dos umbros e a arte da memoria, 1582), De la causa, principio ed uno (Sobre a causa, principio e un, 1584), De l’infinito, universo e mondi (Sobre o infinito, o universo e o mundo, 1584) e Degli eroici furori (Sobre os furores heroicos, 1585).
Cronoloxía
-
Nacemento
Lugar : Nola, Nápoles -
Deceso
Lugar : Roma