Bruno, san

Bruno, san

Santo fundador da orde dos cartuxos. Foi cóengo na catedral de Colonia e profesor na de Reims. Retirouse despois con outros seis compañeiros aos Alpes do Delfinado, fundando en Grenoble o mosteiro da Grand Chartreuse, casa matriz da súa orde. Fundou tamén a Cartuxa de Roma e da Calabria, onde rexeitou o arcebispado de Reggio Calabria. Na iconografía represéntase imberbe e coa cabeza rapada, vestido co hábito branco dos cartuxos, levando como atributos persoais, ás veces, unha estrela no peito (lembranza da visión estelar de santo Hugo, bispo de Grenoble, avisado por sete estrelas da chegada dos sete primeiros cartuxos), outras coa mitra aos seus pés (por rexeitar un bispado), unha caveira sobre a que medita, un crucifixo arborescente, unha ponla de oliveira, etc. Ás veces aparece tamén cun dedo nos beizos recomendando o silencio imposto pola regra. A súa festa celébrase o 6 de outubro.

Cronoloxía

  • Nacemento

    Lugar : Colonia

  • Deceso

    Lugar : Calabria