Bruxelas

Bruxelas
Nome científico: [neerl: Brussel; fr: Bruxelles]

Capital da provincia de Brabante e do estado de Bélxica, sede das institucións executivas da Unión Europea (133.800 h [1997]). Situada á beira do río Seine e do canal de Anveres-Charleroi, é un centro comercial, administrativo, cultural e de comunicacións de primeira orde en Europa. A cidade, que constitúe un núcleo bilingüe dentro da área de fala flamenga, é o crucamento das culturas flamenga e valona e, a escala europea, dos mundos latino e xermánico. É sede do goberno, da Bolsa e de numerosas organizacións e organismos internacionais: OTAN, consello de ministros e comisión da Unión Europea, etc. Tamén é centro de ensino superior: Universidade Libre de Bruxelas, fundada no ano 1834, entre outras. Pouco tempo antes da independencia, Bruxelas era unha cidade demograficamente flamenga, pero xa culturalmente francofalante. Foi unha colonia romana fundada antes do s VII pero adquiriu verdadeira importancia no s XI, cando os condes de Louvain estableceron alí a súa residencia. Pola súa localización na ruta de Bruxas a Colonia, ingresou na Liga da Hansa no s XIII e converteuse nun gran centro comercial. A cidade obtivo en 1229 unha carta de autonomía do duque de Brabante, Enrique I, que foi modificada en 1425 a causa das revoltas dos mesteirais. A nova carta, que fixaba os poderes do patriciado e das corporacións, estivo en vigor ata 1795. En 1383 foi capital de Brabante e, en 1430, coa anexion ao ducado de Borgoña converteuse na capital dos Países Baixos. Foi a capital dos dominios españois no s XVI e dende ela Fernando Álvarez de Toledo, duque de Alba, dirixiu a loita contra o protestantismo. No eido desta política represiva salientan as execucións dos condes de Egmont e Horn. A cidade acolleu a Guillerme de Orange (1577), non obstante no ano seguinte converteuse en sede dos partidarios da unión coa coroa española. Foi tamén, entre 1714 e 1789, capital dos Países Baixos austríacos. Durante a Revolución Francesa caeu en mans dos franceses ata 1815. Polo Congreso de Viena (1815) quedou integrada no Reino dos Países Baixos que abranguían a actual Bélxica e os actuais Países Baixos. En 1830 converteuse na capital do Reino de Bélxica. Foi ocupada polos alemáns durante a Primeira Guerra Mundial (agosto 1914-novembro 1918) e durante a Segunda (maio 1940-setembro 1944). Foi sede da Exposición Universal de 1958. O seu valor monumental reside no conxunto de edificios góticos: a catedral de Saint Michel, iniciada no 1220 e continuada durante s XV, as igrexas de Nôtre-Dame-de-la-Chapelle comezada en 1216, de Nôtre-Dame-des-Vitoires (s XV) e de Nôtre-Dame-du-Sablon que empezou a levantarse no 1304, e o concello (1402-1454), cunha torre central no conxunto da Grand Place ou Groote Mark. Destaca tamén o Atomium, representación dunha molécula de ferro; ao seu pé atópase o Parque de Exposicións de Bruxelas. No eido da arquitectura contemporánea destacan as obras de Victor Horta, entre elas a súa casa, hoxe Museo Horta, e o Centro belga do cómic. Os museos atópanse no Parque do Cincuentenario; salientan os Reais Museos de Arte e Historia, o Autoward (Museo do automóbil) e o Museo Real do Exército e da Historia Militar. Outros centros museísticos son o Museo da Cidade, o Museo de Arte Antiga e o Museo de Arte Moderna.