Buckingham

Buckingham

Título nobiliario británico concedido orixinariamente polo mo-narca Guillerme o Conquistador ao seu compañeiro Walter Griffard, e que logo da extinción da liñaxe volveu á coroa. Os monarcas outorgaron o título en diferentes ocasións a diversas familias, volvendo finalmente á coroa. O primeiro conde coñecido foi Walter Griffard (morto en 1102), señor de Longueville (Normandía). O título extinguiuse ao morrer en 1176 o terceiro conde, Richard de Clare, e sobriño do primeiro. En 1377 atribuíron o título a un fillo de Eduardo III, Thomas de Woodstock, posteriormente nomeado duque de Gloucester. Transmitido por enlaces matrimoniais, o título condal chegou a Humphrey Stafford, que se converteu en duque de Buckingham en 1444. O título permaneceu na familia Stafford ata a execución en 1521 de Eduard Stafford, terceiro duque. En 1623 o título foille concedido a George Villiers, que xa posuía o condado e mais o marquesado do mesmo nome desde 1618. Logo da morte do seu fillo sen descendencia, en 1687, o ducado foi conferido a John Sheffield, marqués de Normanby en 1703. Extinguida esta liña despois da morte sen descendencia de Edmund Sheffiel en 1735, o condado foi concedido a John Hobard en 1746, e a súa descendencia conservou o título. O marquesado de Buckingham concedéuselle en 1784 a George Grenville, que xa posuía o título de conde de Temple. O seu fillo, Richard, herdou o título e, logo do matrimonio cunha descendente dos Plantagenet, recibiu os títulos de duque de Buckingham e de Chandos en 1822. Sucedeuno o seu fillo Richard e logo o neto do mesmo nome co que se extinguiu a nova casa de Buckingham en 1889.