bulé

bulé

(< gr βυλή)

s f [HIST]

Na antiga Grecia, consello con funcións fundamentalmente xudiciais, que representaba a tradición. Logo das reformas de Solón en Atenas no s VI a C, adquiriu un carácter político e deliberativo substituíndo as funcións do vello areópago. Estaba composto por catrocentos membros, cen por cada tribo tradicional, que pertencían ás tres primeiras clases segundo o sistema de Solón. As reformas de Clístenes (508-507 a C) ampliárono a cincocentos membros, os buleutas ou conselleiros, que procedían, segundo as novas divisións do país, das novas dez tribos, cada unha delas elixía cincuenta. Cada grupo destes constituía unha pritanía, que gobernaba a cidade durante unha décima parte do ano. A bulé foi o eixe da política ateniense ata Efialtes, que lle quitou o carácter decisorio nos asuntos públicos, que pasaron á asemblea popular ou ekklēsía ( ἐ κκλησíα). A Guerra do Peloponeso favoreceu a reacción aristocrática e coa instalación das oligarquías no 411 a C volveuse a unha bulé de 400 membros con grandes poderes, mentres que a asemblea dos cidadáns quedou reducida e perdeu o antigo poder. A vitoria de Alcibíades en Cícico, Cinosema e Abidos contra os espartanos, fortaleceu os atenienses: o goberno oligárquico suprimiuse e retomouse a bulé de 50 membros. Despois da fin da Guerra do Peloponeso, a meditación sobre a paz conduciu de novo a unha reacción tradicionalista e a persecución dos elementos máis progresistas. A morte de Sócrates (399) levou á restauración do status anterior, cunha bulé tradicional que perdurou ata os últimos tempos do goberno autónomo de Atenas.

Palabras veciñas

bulboso -sa | bulbouretral | bulbul | bulé | Bule-Bule | bulebule | buleira