Bullas
Municipio da Comunidad Autónoma de la Región de Murcia, situado a 53 km ao O de Murcia, no límite das comarcas de Mula e do Noroeste (10.488 h [1996]). Está drenado polo Mula, afluente do Segura. No seu termo érguese a Sierra del Castellar, que ten o seu cumio a 989 m de altitude. A súa base económica é o sector agropecuario, que abastece unha industria alimentaria, principal actividade en canto a emprego. Destaca o cultivo da vide, acollido á Denominación de Orixe Bullas, que abrangue ademais os concellos de Cehegín, Mula e Ricote, e parte dos de Calasparra, Caravaca, Moratalla e Lorca. A variedade de uva Monastrell representa o 80% da súa colleita, aínda que tamén se traballa coas Tempranillo, Macabeo e Airen. A industria alimentaria compleméntase con fábricas de conservas, de froitas e hortalizas. Diversos xacementos arqueolóxicos permiten datar a presenza humana no Neolítico. As civilizacións romana e islámica deixaron pegadas da súa presenza no territorio; da última consérvase unha fortaleza. En 1243 foi conquistada por don Alonso, fillo do Rei Fernando III o Santo. Dende entón e ata 1665 a aldea pertenceu á parroquia de Cehegín; a habilitación nesa data da ermida de San Antón como templo parroquial propiciou a súa segregación de Cehegín en 1689.