Burgas, As
Revista semanal en galego subtitulada “Literatura e artes”. O primeiro número saíu en 1894 en Ourense, e o último que se coñece levaba data de marzo de 1895. Santiago Álvarez Novoa foi o fundador e director. No que respecta ás colaboracións, houbo un gran número de sinaturas como Francisco Álvarez de Novoa, Heraclio Pérez Placer, Filomena Dato Muruais, Xoán Barcia Caballero, Fígaro, Manuel Curros Enríquez, Benito Losada ou Farruco de Alongos. Amosou unha temática fundamentalmente cultural. Incluía poesías, relatos e parrafeos do estilo O tío Marcos da Portela. Contaba con dúas seccións denominadas “Potaxe” e “Graxadas”, de información rexional, así como unha “Seución de anuncios” dedicada á publicidade. Cómpre salientar os anuncios falados. Temas habituais das súas páxinas eran as campañas galeguistas, os cadros costumistas, sen esquecer a denuncia da emigración e das miserias da vida do campo. Neste xornal podíase atopar A fé d’os brotes, un conto didáctico de Xesús Rodríguez López ou Por casualidá de Xan de Codesal. Actuou como voceiro do grupo de escritores novos do seu tempo, grupo que defendía e tentaba introducir o naturalismo na literatura rexional. Así, nestas páxinas polemizouse a favor do conto Rillote...!, de Pérez Placer. Mesmo Francisco Álvarez de Novoa publicou nesta revista a crítica do libro Contos da terriña de Pérez Placer, salientando a delicadeza e a tenrura dos seus relatos. O número 7, de febreiro de 1895, levaba un artigo en portada titulado O idioma galego, onde se contaba como se estaba a vivir un rexurdimento do idioma, mais sen atender a razóns.