Burgos

Burgos

Cidade e capital da provincia homónima, na Comunidade de Castela e León, situada á beira do río Arlanzón (163.156 h [1996]). Distínguense dous grandes sectores: a cidade vella, entre o castelo e o río, e os barrios novos, situados ao S e ao L da cidade. É un núcleo industrial e un importante centro comercial e turístico. A industria ocupa o 30% da poboación, destacando os sectores químico, papeleiro e téxtil. O clima é continental, frío e húmido nos invernos e caloroso e seco no verán. Atópase no Camiño Francés de peregrinación a Santiago. A cidade naceu cara ao 884 da unión de diversos burgos situados á beira das fortalezas construídas como defensa contra os ataques musulmáns. Convertida en capital do condado de Castela, durante o reinado de Fernando I o Grande (morto en 1065) pasou a ser capital do Reino de Castela e León ata o ano 1087, en que foi substituída por Toledo. Durante os ss XIV e XV desenvolveuse extraordinariamente grazas á centralización da la castelá enviada a Flandres e a Gran Bretaña polos portos do Cantábrico. A relación con Bilbao, porto de embarque principal da la, foi tirante polo intento de Burgos de controlar a flota de Bizkaia. O conflito agravouse, pero no 1499 chegaron a un acordo polo que Burgos mantiña o monopolio do comercio da la e das exportacións de ferro. As loitas civís, especialmente a Guerra das Comunidades afectaron a cidade, e a finais do s XVI Burgos iniciou a súa decadencia como consecuencia da crise industrial producida trala ruptura do eixe comercial Medina del Campo-Anveres. Durante a Guerra Civil española foi sede do goberno dos sublevados dende a súa designación o 1 de outubro de 1936 ata a toma de Madrid, en abril de 1939. A catedral comezada no s XIII polo Rei Fernando III o Santo, é de estilo gótico. Ten planta de cruz latina con tres naves, deambulatorio e nave transversal. A fachada principal, a Puerta Real ou do Perdón foi reformada no s XVIII. As portas laterais forman as portadas do Sarmental e da Coronería. No interior salientan a capela dos Condestables, construída por Simón de Colonia a finais do s XV, a capela do Santo Cristo de Burgos, coa imaxe do s XIV, e a Escalera Dorada de Diego Siloé. O claustro é do s XIII. Outras construcións importantes son: as igrexas de San Esteban, de estilo mudéxar (1280-1350), e a de San Gil (ss XIV-XVI); o Real Monasteiro de Las Huelgas (s XII), de estilo cisterciense, foi o panteón real fundado por Afonso VIII e Leonor de Inglaterra; e a cartuxa de Miraflores (s XV), fundación de Xoán II, de estilo gótico. Entre os edificios civís salientan a Casa do Cordón (s XV), palacio dos condestables de Castela de estilo renacentista; a Casa de Miranda, construída no s XVI (sede do Museo de Burgos); e o renacentista palacio de Castifalé, sede do arquivo municipal.