Burgos
Provincia de Castela e León (14.269 km2; 350.074 h [1996]). Integrada por 371 municipios (1996), inclúe tamén o condado de Treviño, enclave castelán en Araba. A súa capital é Burgos. O poboamento deste territorio resólvese por medio de grandes aldeas compactas; só se destacan tres cidades de tamaño pequeno ou medio: a capital, Burgos, no centro da circunscrición, ostenta a hexemonía na xerarquía funcional e demográfica (163.156 h [1996]); Miranda de Ebro (35.502 h [1996]) e Aranda de Duero (29.222 h [1996]) conforman os espacios setentrional e meridional, respectivamente. Nun segundo plano aparecen vilas como Briviesca (6.101 h [1996]) e Medina de Pomar (5.512 h [1996]). A provincia, cos seus límites actuais, estableceuse en 1833. O Camiño Francés de peregrinación a Santiago atravesa este territorio de L a O, dende Redecilla del Camino ata Ítero del Castillo, á beira do Pisuerga, pasando por puntos de gran relevancia na ruta xacobea, como o mosteiro de San Juan de Ortega, as vilas de Belorado, Castrojeriz e Villafranca Montes de Oca ou a propia cidade de Burgos.