burguesía

burguesía

(

Este concepto identifícase co grupo dos capitalistas non agrarios posuidores dos medios de produción; diferéncianse do proletariado en que os membros deste grupo social non precisan vender a forza de traballo para vivir. Dentro deste termo englóbanse industriais, financeiros, burócratas e membros das profesións liberais, xunto coa denominada pequena burguesía -grupo intermedio entre a burguesía propiamente dita e o proletariado- integrada, entre outros, por pequenos artesáns e comerciantes. A burguesía naceu como consecuencia do moderno proceso de industrialización na sociedade capitalista, rompendo as estruturas da sociedade feudal e substituíndo a nobreza como grupo dominante.
Concepto e definición
A noción de burguesía adquiriu significado político durante a Revolución Francesa, evolucionando de xeito paralelo ao capitalismo e adoptando o sentido dunha clase posuidora de bens mercantís, financeiros e industriais, beneficiaria do mercado. Karl Marx situou o concepto de burguesía no centro das súas doutrinas, definindo como condicións básicas para a existencia e dominio deste grupo a acumulación de riquezas en mans privadas, a formación e aumento de capital, e que a índole do capital é o intercambio do traballo polo salario. Desenvolvendo esta definición económica da burguesía, Marx vinculaba o poder político da burguesía coas modernas relacións de produción, das que deriva o enfrontamento progresivo entre a burguesía dominante e o proletariado. O pensamento marxista profetiza a desaparición da burguesía despois da vitoria do proletariado e a imposición dunha futura ditadura do proletariado. A tradición marxista, en socioloxía, empregou o termo burguesía ou clase burguesa durante o s XX someténdoo a matizacións e revisións. Nas primeiras décadas do s XX, os sociólogos Max Weber e Werner Sombart na obra O burgués (1913) desenvolveron unha nova concepción da burguesía. Rexeitaban o nacemento da burguesía nas estruturas económicas e formularon modelos sobre as orixes e desenvolvemento dun espírito burgués e dun grupo social dinámico que rompía coas condicións tradicionais e protagonizaba o modelo de desenvolvemento capitalista característico de Occidente. Weber definiu na súa obra inacabada e publicada postumamente Economía e sociedade (1922) a burguesía como un grupo portador de actitudes racionalizadoras, organizadoras, maximizadoras de beneficios e afíns á expansión da burocracia. Propuxo ademais as distincións entre as diversas clases de burguesía: a pirática, a mercantil e a financeira. Autores como Karl Mannheim e Antonio Gramsci contribuíron co estudo da ideoloxía burguesa e cunha análise dos métodos empregados pola burguesía a impoñer a hexemonía. A evolución histórica obrigou os estudiosos e seguidores do marxismo a un labor de retoque e actualización considerable, na que Bruno Rizzi, James Burham, Milovan Djilas e C. W. Mills propuxeron a noción dunhas novas clases dominantes, non estritamente burguesas nun sentido tradicional: clases burocráticas, xerenciais, de partido único ou medias dominantes. Durante os anos sesenta e setenta, os debates na esquerda sociolóxica europea, protagonizados por Miliband, Poulantzas e Parkin sufriron unha intensificación no emprego do termo burguesía. Logo produciuse unha progresiva renuncia no uso do termo, relegándoo ás situacións nas que se pode identificar con claridade unha clase burguesa ou outros grupos afíns á pequena burguesía. Recuperouse, deste modo, o emprego de nocións como clase alta, clases medias e clases subordinadas ou subalternas. Na actualidade limítase o emprego de burguesía só cando pode identificarse cunha clase burguesa propiamente dita, ou facendo referencia a procesos culturais ou económicos de aburguesamento.
Evolución histórica da burguesía
O burgués era, en orixe, o habitante dos burgos (vilas) medievais, sobre todo os comerciantes, que acadaran certo número de privilexios, recoñecidos nunha carta, garantindo as súas persoas e bens e limitando as cargas. Para beneficiarse deste dereito, o burgués tiña a obriga de posuír un inmoble ou residir no municipio (burgo), polo que, por extensión, chegou a designar a todos os habitantes dos burgos medievais. Estes grupos urbanos, mediante procesos revolucionarios que se desenvolveron nos ss XVII e XVIII en Europa contra o sistema feudal, acadaron o cambio de marco social e levaron a industrialización aos modernos estados europeos, orixinaron o capitalismo. Deste xeito, xurdía a burguesía como clase antagónica ao proletariado e vinculada ao progreso do capitalismo. No caso particular de Francia a finais do s XVIII, a burguesía reclamou o poder político logo do éxito económico acadado. A Revolución Francesa, foi a primeira de sucesivas ondas revolucionarias que atravesaron Europa en 1820, 1830 e 1848 creando e asentando o estado liberal burgués e loitando a favor do liberalismo económico. A burguesía orixinou e impuxo novos conceptos morais, políticos-xurídicos e culturais, e novas formas de loita política democrática por medio da creación dos partidos e da discusión parlamentaria. Así mesmo, a defensa da liberdade individual, que libera o individuo do sometemento ao grupo é un requisito do patrón burgués para ter un mercado laboral libre das obrigas feudais. Coa aparición da Revolución Industrial, xorde a burguesía industrial, que a través de medidas proteccionistas, consolidou a unificación dos mercados nacionais sen fronteiras internas, favorecendo o desenvolvemento do ideal de nación dotada de soberanía. Así, a consolidación do mercado nacional en Alemaña e Italia tivo un carácter de loita pola independencia e de unificación nacional. No ámbito español a dialéctica centro/periferia favoreceu a aparición do nacionalismo catalán, vasco e galego. O desenvolvemento da burguesía comercial galega no Antigo Réxime vinculouse dende o s XVI ás exportacións de viño do Ribeiro, de panos e ao lucrativo negocio de cambistas. Durante o s XVII este grupo viviu unha etapa de decadencia, pero na centuria seguinte rexurdiu vinculada á comercialización de produtos téxtiles, á fabricación de sombreiros e á exportación de gando a América. De procedencia maioritariamente foránea (cataláns, vascos, maragatos, rioxanos e franceses), estes burgueses investiron en terras e rendas, adoptando no s XIX a mentalidade tradicional e inmobilista propia da fidalguía. Pero unha fracción máis dinámica, vinculada á importación de liño e tabaco, á especulación no transporte de emigrantes e ás industrias derivadas da pesca, asentouse nas cidades de Vigo e A Coruña, a finais do s XIX e comezos do XX.