Burjassot

Burjassot

Municipio da provincia de València, Comunitat Valenciana, situado 4 km ao NO da cidade de València (3 km2; 34.061 h [1996]). A súa estrutura económica, tradicionalmente baseada no sector agropecuario, mudou para adoptar un perfil secundario e terciario, favorecido pola localización de actividades industriais e de servicios que provocou a expansión urbanística da capital. A agricultura ocupa só o 1% dos traballadores, destacando o cultivo das laranxeiras. As principais industrias son a téxtil, a do vidro, a construción mecánica e os xoguetes, a pirotecnia, o caucho e os mobles. Entre as principais empresas do sector servicios sobresae a televisión autonómica valenciana (Canal Nou), instalada no municipio. Burjassot, incluída dentro da área metropolitana de València, experimentou entre as décadas de 1960 e 1980 unha grande afluencia de inmigrantes, que a levaron a duplicar a súa poboación. A primeira referencia documental sobre a poboación data de 1237, cando trala conquista de València polo Rei Xaime I se fai a doazón do casarío musulmán. A vila coñeceu o dominio de diversos señores civís e eclesiásticos ata a abolición do Antigo Réxime, sendo incluso de reguengo durante un século (1258-1360). Convulsionada polos episodios bélicos da Guerra da Independencia e das Guerras Carlistas, ao remate do s XIX converteuse en lugar de recreo para as clases burguesas de València, que estableceron no termo as súas segundas residencias.