Burundi
Estado de África centroriental, limitado ao N por Rwanda, ao O por República Democrática do Congo, e ao L e ao S por Tanzania (27.834 km2; 5.943.000 h [1996]). Esténdese entre os 2° e 4° de latitude S e os 29° e 31° de lonxitude L. A capital é Bujumbura.
Xeografía física
Relevo e xeoloxía
Distínguense catro rexións xeomorfolóxicas: os altiplanos centrais, de 1.500 a 2.000 m de altitude; a rexión montañosa setentrional, por riba dos 2.600 m; a rexión Imbo, entre 800 e 1.000 m de altitude, que arrodea o lago Tangañika; e as rexións deprimidas do L.
Clima, vexetación e hidrografía
O clima é ecuatorial, aínda que modificado nos lugares de máis altitude, cunha temperatura media anual de 20°C e unha pluviosidade duns 1.400 mm ao ano, agás na rexión do lago Tangañika, onde chega soamente a 800 mm. A vexetación é de sabana nas áreas de baixa altitude, e de bosque na rexión montañosa setentrional. Hidrograficamente, está dividido en dúas grandes concas: a do lago Tangañika, no que desembocan os ríos Ruvizi e Malagarasi, e a de Akagera, xa fóra do estado, á que aflúen o Ruvubu e o Akanyaru.
Xeografía económica e economía
Economía
A economía de Burundi está completamente ligada á produción do café, que ten sometido o seu prezo a fortes oscilacións. O crecemento económico dos últimos anos (4,4% en 1997 e 4,5% en 1998) mostra unha certa recuperación económica que contrasta coa grave crise que afectara ao país no período 1987-1997, que deu un resultado negativo (-1,0%). Así mesmo, a inflación comezou a controlarse, descendendo do 25,8% en 1997 ao 17,0% en 1998; sen embargo, a renda por habitante continúa a ser unha das máis baixas do mundo, 170 $ USA en 1996. A dependencia externa, sobre todo de Bélxica, Francia, Xapón e Alemaña, é notable, tanto a nivel técnico como financeiro. En 1996 recibiu axudas externas por un valor de 204.000.000 $ USA, unha cifra que non contrarresta a forte débeda externa, que en 1997 ascendía a 1.066.000.000 $ USA. A moeda de curso legal é o franco de Burundi.
Recursos económicos e sectores produtivos
A agricultura, aínda que tecnicamente moi atrasada, é a actividade económica principal de Burundi; en 1995 achegaba o 48% do PIB e en 1991 ocupaba o 90% da poboación activa. O café, que constitúe na práctica un monocultivo, é o principal produto do país. Outros cultivos comerciais importantes son o té, a cana de azucre e o algodón. Os cultivos de subsistencia son a mandioca, as patacas doces, o millo, os taros e os ñames. A gandería, que ten certo peso pola produción de coiros e peles, está en mans dos tutsis, que a practican de xeito tradicional. A explotación forestal é reducida debido a que o territorio está practicamente deforestado. A pesca no lago Tangañika, en declive acusado, ten un carácter tradicional. Con respecto á minería, Burundi ten reservas importantes de vanadio, uranio e níquel, pero só se extraen pequenas cantidades de ouro, tungsteno e caolín. O combustible doméstico habitual é a turba. A industria está nun estadio de desenvolvemento moi baixo, en moitos casos de tipo artesanal. Destaca o sector téxtil, implantado en Bujumbura, e o de transformación de alimentos, sobre todo cervexa, cigarros e azucre. A enerxía provén das centrais hidroeléctricas, especialmente a compartida coa República Democrática do Congo e Rwanda.
Transportes, comunicacións e comercio exterior
Burundi, que non dispón de ferrocarrís, tiña en 1996 unha rede de estradas de 14.480 km. Bujumbura ten un aeroporto de capacidade limitada e é tamén o primeiro porto fluvial á beira do lago Tangañika. O comercio exterior é moi deficitario: as importacións, basicamente maquinaria, alimentos, petróleo e material de construción, proceden de Bélxica-Luxemburgo, Irán, Francia, Xapón e Alemaña.
Xeografía humana
Demografía e poboamento
Burundi ten un crecemento natural da poboación moi alto, que era do 32‰ en 1990, ano no que duplicaba a poboación de 1970. Do mesmo xeito que noutros países en desenvolvemento, a maioría da poboación é nova, 2.800.000 individuos teñen menos de 15 anos, mentres que 241.389 teñen máis de 65 anos. A densidade é unha das máis elevadas de África (251,4 h km2 en 1990), aínda que as rexións máis poboadas son Buyenzi, Kirimiro e o centro e o norte de Mugamba. O poboamento é predominantemente rural (92,7% da poboación), sendo Bujumbura (300.000 h [1994]) e Gitega (128.000 h [1997]) as cidades máis importantes. Malia que cultural e lingüisticamente a poboación burundiana é moi homoxénea, distínguense dúas etnias: os hutus (82%) e os tutsis (13,5%); estes últimos divídense en himas e bañarugurus. O factor determinante para a supervivencia desa división étnica reside no terreo político, dominado pola etnia tutsi. Estes grupos enfrontáronse en episodios sanguentos nos anos 1965, 1969, 1972, 1988 e 1993, permanecendo desde esa data en estado de guerra civil. Esta situación provocou máis de 150.000 mortos, xa que nesta guerra silenciada non se toman prisioneiros senón que se executan, e numerosos desprazamentos de poboación cara aos países veciños, en particular, Tanzania, Rwanda, Uganda e, sobre todo, a República Democrática do Congo, de onde foron expulsados pola forza en abril de 1996. As linguas oficiais son o francés e o kirundi (con 4.600.000 falantes), mentres que o swahili é a lingua do comercio. O 32% da poboación mantén prácticas relixiosas tradicionais; aínda que a relixión maioritaria é a cristiá (os católicos representan o 62% da poboación e os protestantes o 5%), hai unha pequena minoría musulmá que supón o 1,6% da poboación.
Desenvolvemento humano
O Indicador de Desenvolvemento Humano en 1997 situaba a Burundi entre os países cun desenvolvemento humano baixo (ocupa o posto 170º cun índice do 0,324). Este Indicador desagregado ofrece o seguinte balance: a esperanza de vida no nacemento é de 42,4 anos; o índice de alfabetización de adultos é do 44,6% da poboación; o índice bruto de escolaridade é do 23%; e o PIB real por habitante (PPA) é de 630 $ USA.
Sociedade e goberno
Antigo protectorado belga, o reino de Burundi proclamouse independente o primeiro de xullo de 1962 e converteuse en república tralo derrocamento do Rei Ntaré V o 29 de setembro de 1966. Segundo a Constitución, aprobada por referendo o 13 de marzo de 1992, o poder executivo recae no presidente, elixido por sufraxio universal para un mandato quinquenal renovable unha soa vez. Comparte o executivo co primeiro ministro, que nomea o Consello de Ministros. A actividade do goberno contrólaa un Consello de Seguridade Nacional, do que son membros o presidente e o primeiro ministro. O xefe do estado é Maggiore Pierre Buyoya dende o golpe do 25 de xullo de 1996, confirmado nas súas funcións mediante a Acta Constitucional de Transición do 11 de xuño de 1998. O poder lexislativo recae na Assemblée Nationale (Asamblea Nacional), formada por 81 membros elixidos por sufraxio universal para un período de cinco anos. O 16 de xullo de 1998 a Assemblée Nationale transformouse en Assemblée Nationale de Transition (Asemblea Nacional de Transición), composta polos 81 membros elixidos en 1993 e mais 40 membros adicionais elixidos por cooptación entre os dirixentes políticos e persoeiros destacados da sociedade civil. O ordenamento xurídico baséase no sistema belga e alemán. Está en vigor a pena de morte. Amnistía Internacional denunciou que desde 1993 as forzas de seguridade e os grupos armados de oposición asasinaron a milleiros de civís desarmados, tanto en enfrontamentos bélicos como no proceso de reagrupamento familiar; así mesmo, detívose e torturouse a persoas que criticaban o goberno. Este país ratificou ou adheriuse aos seguintes tratados: Pacto Internacional dos Dereitos Civís e Políticos (PIDCP); Pacto Internacional dos Dereitos Económicos Sociais e Culturais; Convención contra a Tortura, Outros Tratos ou Penas Crueis, Inhumanas ou Degradantes; Convención sobre o Estatuto dos Refuxiados (1951); Protocolo sobre o Estatuto dos Refuxiados (1967); Convención sobre a Eliminación de Todas as Formas de Discriminación contra a Muller; Carta Africana de Dereitos Humanos e dos Pobos (1981). Os partidos máis importantes son: Front pour la Démocratie au Burundi (FRODEBU, Fronte para a Democracia en Burundi), de emancipación hutu; Union pour le Progrès National (UPRONA, Unión para o Progreso Nacional), de carácter autoritario, agrupa os tutsis; e o Conseil National pour la Défense de la Démocratie/Inama y’Igihugu Igwanira Demokarasi (CNDD/IIID, Consello Nacional para a Defensa da Democracia), unha formación política plural presidida por Nyangoma Léonard que conta cunha rama militar, as Forces pour la Défense de la Démocratie (FDD, Forzas para a Defensa da Democracia) e que basea a súa actividade na defensa da Constitución e das conquistas democráticas de 1993. Divídese en 15 provincias, sendo a maior Ruyigi con 2.339 km2, ás que se engade a provincia urbana de Bujumba; á cabeza de cada provincia hai un gobernador. Forma parte destes organismos internacionais: ONU, OUA (Organización da Unidade Africana), e está asociado á Unión Europea.
Historia
Os primeiros habitantes da rexión foron os batwes, pigmeos cazadores. Posteriormente, penetraron os hutus, pobo agrícola bantú. Arredor do s XV o pobo guerreiro dos tutsis invadiu a rexión, implantando un réxime feudal e establecendo un sistema de castes gobernado por un monarca (mwami), que procedía de varios clans reais. En 1858 chegaron os primeiros exploradores europeos, Richard Francis Burton e John Hanning Speke. Alemaña ocupou o país na década de 1880 pero recoñeceu como xefe supremo de Burundi o mwami Mwegi IV. Foi incorporada, xunto con Rwanda, dentro da África Oriental Alemana e, unha vez rematada a Primeira Guerra Mundial, a Sociedade de Nacións deulle a Bélxica un mandato na zona. Os novos colonizadores empregaron os mecanismos tradicionais de repartición do poder, apoiándose nos xefes ganwa e nos tutsis e destituíndo os xefes hutu pola reforma de 1933, coa que se favoreceu a formación dunha minoría de administradores e profesionais pertencentes, na maioría dos casos, á tribo tutsi. Despois da Segunda Guerra Mundial a ONU confioulle a Bélxica o goberno de Rwanda-Burundi, gozando Burundi dende 1952 dunha certa autonomía. En agosto de 1960 tiveron lugar unhas conversas en Bruxelas entre representantes do goberno belga e de Burundi. Malia que nas eleccións municipais de decembro de 1960 resultaron vencedores os grupos contrarios á autonomía, o proceso continuou avanzando decisivamente nas eleccións lexislativas de decembro de 1961. Mentres, en Rwanda, a colonización belga apoiou unha revolución social que se traduciu en masacres de tutsis levadas a cabo polos hutus. Burundi, que acadara a súa independencia como monarquía constitucional rexida polo mwami Mwambutsa IV o primeiro de xullo de 1962, sufriu as consecuencias da tensión rwandesa integrándose nunha espiral de violencia étnica que rematou coas masacres de 1965, co asasinato de dous primeiros ministros e con varios golpes de estado. En 1964 unha expedición frustrada a Rwanda integrada polos refuxiados tutsis residentes en Burundi provocou represalias nas fronteiras por parte do goberno rwandés. En 1966 Mwambutsa IV foi destituído polo seu fillo, Carles Ndizéyé, que se converteu en Ntare V. Burundi, tralo derrocamento de Ntare V por Michel Micombero, converteuse en República o 29 de setembro de 1966; a partir dese momento, instituíuse un réxime de partido único (UPRONA) e suspendeuse a Constitución de 1962. En abril de 1972, co pretexto de evitar o restablecemento da monarquía, iniciouse unha violenta represión que supuxo o asasinato de milleiros de hutus. En 1974 o réxime encabezado por Micombero adoptou unha nova Constitución. En 1976 un golpe de estado levou á presidencia o coronel Jean-Baptiste Bagaza que comezou unha política de reconciliación nacional: suprimíronse os contratos de servidume denominados ubugererwa e aboliuse o imposto de capitación. A mediados dos anos oitenta limitouse a liberdade de asociación, expresión e culto, o que favoreceu a exclusión étnica. En 1987 Pierre Buyoya recompuxo as relacións coa Igrexa Católica e nomeou un novo goberno etnicamente equilibrado, ocupando o cargo de primeiro ministro un hutu. Os enfrontamentos entre hutus e tutsis en agosto de 1988, que mobilizaron o exército dominado pola minoría tutsi, provocaron a morte de milleiros de hutus. En 1991 Buyoya substituíu a autoridade militar por un réxime civil de cariz autoritario. A Constitución de 1992 consagraba un sistema presidencialista e multipartidista. As primeiras eleccións presidenciais e lexislativas libres, en xuño de 1993, gañounas o FRODEBU, encabezado polo hutu Melchior Ndadaye, que nomeou un goberno de unidade presidido polo primeiro ministro tutsi Sylvie Kinigi. En outubro de 1993, logo dun frustrado golpe de estado no que morreu asasinado o Presidente Ndadaye, comezaba en todo o país a matanza dos tutsis organizada polos membros e simpatizantes do FRODEBU. O exército, dominado polos tutsis, reaccionou matando milleiros de civís e desprazando centos de milleiros de persoas aos estados veciños, República Democrática do Congo, Tanzania e Uganda. En xaneiro de 1994 as diversas forzas políticas negociaron unha saída, pola que se elixiu presidente a Cyprien Ntaryamira, do FRODEBU, o 22 de xaneiro de 1994. O 6 de abril de 1994, tralo asasinato de Cyprien Ntaryamira no mesmo atentado no que morreu o presidente rwandés Juvénal Habyalimana, comezaba unha nova crise política que se resolveu coa sinatura da Convention de Gouvernement: a presidencia da República permanecía nas mans do FRODEBU, pero designando necesariamente o primeiro ministro doutra etnia e grupo político. O hutu Sylvestre Ntibantungaya, do FRODEBU, foi nomeado novo presidente de Burundi o primeiro de novembro de 1994, e designouse como primeiro ministro a Anatole Kanyenkiko, un tutsi da UPRONA. Ao mesmo tempo, comezou a chegar unha importante vaga de refuxiados procedentes de Rwanda, país inmerso nunha cruenta guerra civil entre abril e xuño de 1994. Durante 1995 o primeiro ministro Antoine Nduwayo enfrontouse aos elementos extremistas tutsis e hutus ante a debilidade do Presidente Ntibantungaya. Os disturbios culminaron cunha auténtica ofensiva militar en marzo de 1996, que orixinou numerosas víctimas e refuxiados. O 25 de xullo de 1996, un golpe de estado encabezado polos tutsis restablecía como presidente da República a Pierre Buyoya, quen ilegalizou os partidos políticos ata o 12 de setembro de 1996, data na que volveron ser legalizados. Como medida de protesta os líderes da rexión decretaron un embargo total, que illaba o novo réxime, e os funcionarios da ONU abandonaron o país. Dende xaneiro de 1997 restableceuse unha situación normalizada de seguridade aplicando unha política de reagrupamento forzoso das poboacións rurais hutus. O 11 de xullo de 1998, mediante a promulgación dunha Acta Constitucional de Transición, confirmouse a Buyoya, nomeouse un goberno formado por membros do FRODEBU e da UPRONA, reorganizouse a división de poderes e constituíuse unha Assemblée Nationale de Transition, encargada de redactar unha nova Constitución. Paralelamente, o 21 de xuño de 1998 os grupos implicados no conflito asinaron en Arusha (Tanzania) o primeiro dunha serie de acordos de negociación global e o establecemento dun cesamento do fogo. Os progresos das forzas políticas integradas na transición desembocaron no levantamento do embargo rexional o 23 de xaneiro de 1999, pero non puideron eliminar as tensións étnicas, que aínda permanecen latentes.