butano
(< lat científico butyrum‘manteiga’)
Alcano presente no gas natural e no petróleo. Obtido como subproduto da refinación de petróleo ou da manufactura de bencinas naturais, está constituído polos seus dous isómeros n-butano CH3-CH2-CH2-CH3 e isobutano (CH3)2CHCH3 e é incoloro, moi inflamable, de olor feble e dun poder calorífico de 29.300 kcal/m3 a 15,5 °C. Expéndese, mesturado con propano, en bombonas como combustible de usos domésticos e industriais. Tamén se emprega en motores de explosión, por mor do seu elevado índice de octano. A súa presión de vapor é suficientemente baixa para poder ser transportado en estado líquido en envases metálicos. Engádeselle un produto que lle dá un cheiro que permite detectar posibles fugas. Utilízase tamén como materia prima na industria do caucho sintético.