cabaleiresco -ca

cabaleiresco -ca

(

  1. adx

    Relativo ou pertencente ao cabaleiro.

    Ex: Volven estar de moda os libros cabaleirescos inspirados no Santo Graal.

  2. adx

    Pertencente á cabalería considerada como un sistema.

    Ex: Chama a atención polos seus hábitos cabaleirescos.

  3. adx

    Que ten un talante nobre e distinguido.

    Ex: Sempre foi un home cabaleiresco, por iso todos o aprecian moito.

    Confrontacións: amable, xentil.
  4. novelas cabaleirescas/novelas de cabalerías [LIT]

    Relatos protagonizados por un cabaleiro, o chamado “cabaleiro andante”, que leva a cabo unha serie de fazañas, que tiveron a súa época de esplendor entre os séculos XII e XVI. O xurdimento deste tipo de narracións está ligado á eclosión da literatura cabaleiresca que tivo lugar durante o renacemento do s XII e que formaría parte do nacemento do xénero do roman. Foi precisamente na segunda metade dese século cando o champañés Chrétien de Troyes compuxo os seus cinco romans de ambiente artúrico, que se consideran as obras fundacionais da novela cabaleiresca: Erec et Enide (Erec e Enide), Cligès, Le chevalier au lion (Yvain ou O cabaleiro do león), Le chevalier à la charrette (Lanzarote ou O cabaleiro da carreta) e Le conte du Graal (Perceval ou O conto do graal). Foi Chrétien quen definiu o tipo do cabaleiro errante e solitario, que abandona a corte en busca de aventuras coas que mellorar no seu heroísmo cabaleiresco e conseguir o recoñecemento da comunidade. O deambular individual e a superación de probas convértese, xa que logo, nun camiño de perfeccionamento individual. A orixe deste personaxe parece estar na figura dos nobres segundóns, que, carentes de propiedades, erraban en busca de fortuna, ben acollidos na mesnada dalgún gran señor, ben loitando nos torneos, ata que un matrimonio vantaxoso poñía fin á súa inestabilidade. A idealización do modo de vida cabaleiresco, que se produciu a partir do s XII nas cortes señoriais da Europa feudal, estilizaría a figura do segundón ata convertela en protagonista deste xénero de obras. Durante a primeira metade do século XIII tivo lugar a verdadeira explosión da novela cabaleiresca, ligada ao desenvolvemento do ciclo artúrico. A cristianización deste ciclo narrativo promoveu un modelo de cabaleiro cristián, personificado en Galahad, que emprendía a busca do Santo Graal, a máis sublime das empresas. O cabaleiro cristián, sen embargo, non sobreviviu como modelo literario máis aló de 1240 -data na que estaría rematado o ciclo da Post-Vulgata artúrica-, xusto cando comezaba o esgotamento das ficións de ambiente bretón. Nos séculos posteriores produciuse a mestura dos elementos artúricos con outros ciclos novelescos, como o carolinxio ou a materia antiga, esta última vinculada finalmente ao prestixio de Constantinopla, capital do Imperio Bizantino, e aos misterios procedentes de Oriente, que para a Europa medieval sempre foi terra de prodixios. Igualmente significativa foi a influencia da ficción sentimental, manifestación serodia e anquilosada do código do amor cortés. Os derradeiros anos da Idade Media testemuñan o éxito das novelas cabaleirescas, reflectido tanto na organización de magnificentes torneos ou de extravagantes pasos de armas, como na consagración de Lanzarote, Tristán, Galván ou Galahad como paradigmas do comportamento cabaleiresco, dignos de ser imitados polos integrantes dunha nobreza cabaleiresca en franco declive. O último momento de esplendor deste tipo de relatos viviuse no século XVI, a raíz da publicación en 1508 da versión do Amadís de Gaula que levou a cabo o castelán Garci Rodríguez de Montalvo. Os anos que seguiron a esta data contemplaron a aparición de dúas sagas paralelas: a castelá dos Amadís e a portuguesa dos Palmeirim, na que os descendentes de Amadís de Gaula e Palmeirim de Oliva rivalizaban en fazañas cada vez máis disparatadas. Xunto a eles, unha morea de novelas protagonizadas por cabaleiros igualmente heroicos que terían o seu cómico colofón no Quixote de Miguel de Cervantes (1605 e 1615). En Galicia os primeiros testemuños da novela cabaleiresca están ligados á difusión da materia de Bretaña, da que se conserva un fragmento do Livro de Tristán datado a comezos do século XIV. Da circulación polo occidente da Península durante eses anos deste xénero de obras dan conta o Jose de Arimeteia, o Merlim e a Demanda do Santo Graal portugueses. Unha cuestión aínda sen resolver é a existencia dunha versión portuguesa do Amadís de Gaula anterior á de 1508. Na literatura galega contemporánea o exemplo máis salientable de recreación de tal tipo de narracións é o relato curto Percival, de Xosé Luís Mendez Ferrín, onde o cabaleiro artúrico sae unha e outra vez na procura de aventuras polo Xardín dos Outos Árbores.

Palabras veciñas

cabalario -ria | cabaleira | Cabaleira | cabaleiresco -ca | 1 cabaleiro | Cabaleiro | 2 cabaleiro -ra