1 cabaleiro

1 cabaleiro

(

  1. s m

    Home que vai a cabalo.

    Ex: Compite agora un cabaleiro que é dos mellores do hipódromo.

    Sinónimos: xinete.
  2. s m

    Home que se comporta con educación e cortesía.

    Ex: É un cabaleiro coas damas, especialmente coas de máis idade.

  3. s m

    Termo de cortesía equivalente a señor.

    Ex: Cabaleiros, poden vostedes sentar que vai comezar a cea.

  4. [HIST]
    1. s m

      Membro dun grupo social que se caracterizaba pola participación en combates a cabalo. En Atenas era, segundo a Constitución de Solón no s VI a C, un cidadán de segunda clase. Na sociedade romana os cabaleiros formaban a orde ecuestre, a clase social de máis categoría despois da senatorial. Para formar parte desta orde o único requisito era posuír un mínimo de 400.000 sestercios, polo que podían acceder a ela persoas de orixe humilde ou indíxenas romanizados das provincias. Na época medieval estableceuse, dende o s VIII, a preponderancia do combatente a cabalo. O xinete posuidor dun cabalo e de armas necesitaba unha longa preparación para adquirir o dominio no manexo do animal e das armas. Xurdiu así a conveniencia de dispoñer de combatentes profesionais, unidos tamén por un contrato de fidelidade. Durante o Imperio Carolinxio recibiron bens territoriais concedidos polo príncipe ou polos señores, coa obriga principal de servir coas armas ao señor. O acceso á categoría de cabaleiro limitábase a aqueles que estaban ben situados economicamente, vasalos ou señores alodiais, e aos que facían do exercicio das armas a súa profesión para vivir.

    2. s m

      Membro dunha orde militar.

      Ex: Todos os seus antepasados pertencen á orde do cabaleiro do Temple.

    3. s m

      Membro dunha orde civil.

      Ex: Polos seus méritos militares e pola súa fidelidade ó país, nomeárono cabaleiro da Lexión do Honor.

    4. armar cabaleiro

      Cerimonia pola que se lle impón a alguén a dignidade de cabaleiro.

    5. cabaleiro andante

      Cabaleiro medieval que, caracterizado polo seu espírito de aventura, buscaba empresas individuais, difíciles e xeralmente xustas. Os novelistas dos ss XII-XV convertérono no personaxe principal das súas producións e outorgáronlle calidades físicas e morais caracterizadas pola gallardía e virilidade, que se fixaron como modelo a seguir. Nos ss XIV e XV, os cabaleiros que existían dedicábanse a imitar os personaxes novelescos.

    6. cabaleiro de fortuna

      Cabaleiro aventureiro que vai polo mundo buscando riqueza e fama.

    7. cabaleiro salvaxe

      Durante a Idade Media, personaxe extravagante que se caracterizaba pola súa vestimenta e pola súa maneira de expresarse que, como os xograres, viaxaba de corte en corte ao servizo de reis e magnates. Era unha figura indispensable nas festas das rúas. Os cabaleiros salvaxes, ás veces, tiñan outras funcións, como a de heraldo (s XIV). Non se sabe se foron actores ou recitadores.

  5. s m [PAT]

    Dor dos músculos do pescozo que obriga a mantelo torcido e impide xirar a cabeza.

    Ex: Ten un cabaleiro no pescozo e non pode ir á festa.

    Sinónimos: cabalo.
  6. s m [ALIM]

    Prato típico do entroido nalgúns lugares do interior de Galicia, feito co estómago do porco e preparado ao forno cun recheo que contén fariña de trigo e de millo, mel, uvas pasas, pemento, azucre, carne e chourizo.

  7. s m pl [AGR]

    Fileira de herba que queda mal cortada, cando se sega coa gadaña.

  8. s m pl [XOGO]

    Xogo de nenos, variante da billarda, que se realiza entre dous equipos, cada un formado por dous membros, e que consiste en facer dous buratos no chan nos que un equipo ten que meter a estornela e os contrincantes impedir que entre; para iso deben acertar a golpeala forte co palán para que non se introduza e, mentres o equipo contrario a vai buscar, os outros introducen o palán nos buracos co que conseguen puntos ata gañar o que máis puntos teña.

  9. arco cabaleiro [ETN]

    O primeiro arco de cada testo do tonel.

  10. cabaleiro de Santiago [ANIMAL]

    santiaguiño.