Cabaleiro Goás, Manuel
Médico psiquiatra. Estudiou medicina en Santiago de Compostela, onde se licenciou en 1942. Discípulo de Pérez Villamil, foi profesor de medicina legal e de psiquiatría na facultade de Medicina de Santiago de Compostela. No ano 1953 doutorouse na Universidad de Madrid coa tese La Psiquiatría en la medicina popular gallega. En 1959 obtivo a praza de director-médico do Sanatorio Psiquiátrico de Toén, facendo deste centro a escola oficiosa da maioría dos especialistas de Galicia. Enlazou coas correntes da nova psiquiatría que difundiu por Galicia como continuador da obra de Pérez Villamil e converteuse na principal referencia da psiquiatría moderna en Galicia. En 1970 abandonou a docencia universitaria. Entre as súas múltiples iniciativas destacou, a principios dos anos setenta, o seu documento de reforma de hospitais psiquiátricos de Galicia, un primeiro plan para transformar os dispositivos psiquiátricos das deputacións galegas. O seu prestixio internacional levouno a visitar as universidades sudamericanas onde se empregaron os seus libros como texto e mesmo algúns dos seus especialistas acudiron a Toén a formarse. Publicou numerosos traballos científicos especializados, entre eles, Temas psiquiátricos. Cuestiones generales y direcciones de investigación que recibiu o premio da Academia de Medicina (1959-1960), Psicosis esquizofrénicas e o importante traballo que dedicou á esquizofrenia pseudoneurótica. Sobre temas especificamente galegos cómpre sinalar a súa tese de doutoramento e as publicacións sobre a emigración e os problemas psíquicos. A súa obra completa foi editada por iniciativa da Asociación Galega de Psiquiatría. No 1962 foi elixido membro de número da Real Academia de Medicina e Cirurxía de Galicia. Foi o fundador da Sociedad Española de Historia de la Medicina e fundador da Asociación de Neurología, Psiquiatría e Medicina Psicosomática.
Cronoloxía
-
Nacemento
Lugar : A Coruña -
Deceso