Cabanas Cao, Xosé Xoán

Cabanas Cao, Xosé Xoán

Produtor cinematográfico. Cursou estudios de arquitectura técnica e iniciou a súa actividade no eido do audiovisual no Equipo Lupa coa realización de películas en Super-8. Debutou como director de produción en O pai de Migueliño (1977), de Miguel Castelo, e no ano 1981 comezou a traballar na produtora Espello Vídeo-Cine, coa que chegou a facer uns trescentos traballos de todo tipo -documental, educativo, industrial, científico- en formato vídeo. Entre 1985 e 1988 pasou ser un dos directivos da produtora CTV Galaxia Comunicacións, un proxecto que non fraguou adecuadamente, agás no caso da realización de Novo de Parmuide de Roberto Vidal Bolaño, (1987), capítulo piloto dunha serie televisiva non realizada sobre Álvaro Cunqueiro, a partir dos libros Xente de aquí e de acolá e Escola de menciñeiros. Logo produciu Urxa, a súa primeira longametraxe, dirixida por Carlos A. López Piñeiro e Alfredo García Pinal. Xa a principios dos anos noventa e xunto con Xosé Roca creou Vici Producións, produtora de televisión e cine. Neste eido, a produtora desenvolveu ao longo da década dos noventa unha apreciable actividade que abrangue curtametraxes de Héctor Carré (A sorte cambia, 1991; Coitadiños, 1992), Alfredo García Pinal (A barbería, 1992) ou Miguel Castelo (O desexo, 1994), e a longametraxe Dáme lume (Héctor Carré, 1994), o primeiro elo dunha cadea que terá a súa continuación en Blanca Madison, dirixida por Carlos Amil.

Cronoloxía

  • Nacemento

    Lugar : A Coruña