Cabanillas Enríquez, Ramón
Escritor. Fillo de Xoaquina Enríquez e Xosé Cabanillas, pasou en Cambados a súa infancia, frecuentando ao longo de tres anos a escola pública; logo, co obxectivo de ingresar no Seminario, seguiu estudios de latín na parroquia de Corvillón e en 1889 ingresou no Seminario de San Martiño Pinario onde residiu ata 1893; alí adquiriu interese pola lectura, formándose academicamente en latín e filosofía. Con 17 anos desempeñou funcións burocráticas na súa vila natal, primeiramente na notaría de Pedro Sánchez e máis tarde no Concello ao longo de dez anos, exercendo como oficial de contabilidade. En 1899 casou con Eudosia Álvarez, empezou a colaborar na prensa local e mesmo participou na fundación de distintas publicacións, como El Cometa ou El Umia. En 1910 emigrou a Cuba, posiblemente polas presións ás que estaba sometido polo seu republicanismo e anticaciquismo. En La Habana exerceu como contable de comercio e administrador do Teatro Nacional, propiedade do Centro Gallego, dirixindo o boletín El Centro e redactando os novos estatutos da entidade. Por esta época fíxose asiduo dos faladoiros que tiñan lugar no café La Puerta del Sol, centro de reunión da emigración galega en La Habana con inquietudes literarias e artísticas que non esquecía a Galicia e que loitaba polos seus intereses dende a distancia; persoeiros como Xosé Castro Chané, Roberto Blanco Torres, Ricardo Fortes, Xosé Fontenla Leal ou Antón Villar Ponte eran, entre outros moitos, compañeiros asiduos destas reunións. Daquela, decidiuse a escribir en galego e publicar algunhas composicións na prensa galega da illa. Tras dous anos volveu a Cambados onde asistiu a un mitin de Acción Gallega celebrado en Vilagarcía de Arousa o 29 de setembro de 1912 e simpatizou cos postulados do agrarismo liderado por Basilio Álvarez, chegando a escribir o himno deste movemento político-social co que el se sentía comprometido titulado “Acción Gallega”, incluído nas follas do poemario Vento mareiro (1915) e musicado polo compositor cubano Ricardo Fortes. Aos poucos meses, retornou a Cuba onde alternou a súa dedicación profesional cos faladoiros, colaborando en numerosos proxectos culturais e, sobre todo, en revistas e xornais como El Umia, El Cometa, Nós, A Nosa Terra, La Voz del Campo, El Pueblo Gallego, Faro de Vigo, Galicia (Vigo), Logos, Nova Galiza, Sonata Gallega, Vida Gallega, Terra, Alborada, La Unión, La Zarpa, Suevia ou Galicia Gráfica, entre outros. En La Habana publicou, talvez a instancias do litógrafo ferrolán Xosé Fontenla Leal -animador da creación e posta en marcha da Real Academia Galega-, a súa primeira composición na revista Suevia (“Lonxe”, 1910) e o seu primeiro libro No desterro.Visións gallegas (1913). Paralelamente, nesta época desenvolveu traballos como administrativo dunha empresa galega e para o Centro Gallego da capital. En marzo de 1915 apareceu o seu segundo libro, Vento mareiro, e posteriormente retornou a Galicia, como secretario do concello de Mos (1916-1924), malia a oposición do Marqués de Riestra, con quen mantivo un litixio persoal. Asemade, participou activamente nas Irmandades da Fala aos poucos días da súa fundación tomando parte nas súas actividades tanto políticas (I Asamblea Nazonalista Galega, Lugo, 1918) como sociais, e colaborou no seu ideario A Nosa Terra, aparecendo por primeira vez no número publicado o 10 de abril de 1917 o seu nome vinculado co de Poeta da Raza. En 1917 publicou Da terra asoballada, e o 31 de agosto de 1920 ingresou na Real Academia Galega, nun acto celebrado no balneario de Mondariz, cun discurso sobre a saudade nos poetas galegos. Tras unha etapa na que viviu en Madrid traballando ao servizo do deputado galego Leonardo Rodríguez, viuse obrigado a dimitir do seu traballo no concello de Mos e exerceu como administrador do Galicia. Diario de Vigo, de Valentín Paz-Andrade. Nesta época fundou a primeira revista infantil en lingua galega baixo o título de As Roladas. Folla dos rapaciños galegos, da que saíron dous números (maio e xullo de 1922) e que contou coas colaboracións de Antonio Palacios, Cebreiro, Castelao, Wenceslao Fernández Flórez, Roberto Blanco Torres e do mesmo Cabanillas, entre outros. Traballou no balneario de Mondariz, propiedade do seu amigo e protector Enrique Peinador, onde viu a luz O bendito San Amaro (1926) e onde preparou diversas reedicións e edicións de obras súas como Na noite estrelecida, O Mariscal, o discurso As romaxes de Nosa Señora da Franqueira. Apuntes dun ofrecido (1927), texto que presentou para ingresar no Seminario de Estudos Galegos aínda que non asistiu ao acto. Trala disposición oficial do goberno de Primo de Rivera en 1926 para ocupar dous postos na Real Academia Española en representación das letras galegas, Cabanillas resultou elixido en 1927, a carón de Armando Cotarelo Valledor, e leu o seu discurso de ingreso o 26 de maio de 1929 titulado Un somero recuerdo de la vida y obra de Eduardo Pondal, recibindo a resposta de Juan Bautista Armada y Losada, marqués de Figueroa. Logo de participar na creación do Partido Galeguista onde ocupou un cargo de responsabilidade, formou parte da candidatura que o galeguismo presentou pola provincia de Pontevedra, xunto con Afonso Daniel Rodríguez Castelao e Valentín Paz-Andrade, ás Cortes Constituíntes en 1931, sen resultar electo. Nestes anos diminuíu o seu ritmo de creación e publicacións, e en 1933 recibiu o nomeamento para ocupar un posto oficial como vogal do Consejo Nacional de Cultura, nun momento de goberno das dereitas, o que lle ocasionou críticas por parte de certos sectores galeguistas. Desde esa época pareceu afastarse de toda actividade política e mesmo cultural que se realizaba en Galicia ata que en xullo de 1936, residindo en Madrid, o sorprendeu o levantamento militar, desde onde se dirixiu a València, cidade na que participou en faladoiros con Castelao e con outros galegos no café Acuarium, e colaborou en publicacións de corte antifascista. Trala guerra, e xa en Galicia a onde marchara un tanto incognitamente, traballou como secretario de diversos concellos, desempeñando desde 1940 os labores propios como secretario interino do concello de Silleda, e ocupou logo as secretarías de Moaña, Meaño, Meis ou Dozón. Máis tarde viviu en Madrid, onde fixo faladoiro no Lyon d’Or, frecuentado por Ben-Cho-Shey, Fermín Penzol, Alonso Montero e Faustino Santalices, entre outros. Pasou diversas tempadas en Barakaldo, no mosteiro de Samos e en Cambados. Por volta de 1950 comezou a recibir as primeiras suxestións para acometer a publicación da súa obra completa, que finalmente se editou en Bos Aires baixo a coordinación de Francisco Fernández del Riego en Galicia e con Luís Seoane e Eduardo Blanco Amor en terras americanas. Asemade preparou Antífona da cantiga (1951) -en edicións posteriores Cancioneiro popular galego-, traballou no seu poemario Samos que non viu a luz ata 1958, e realizou traducións que posteriormente se publicaron en Versos de alleas terras e de tempos idos (1955). Partindo da premisa de que a obra de Cabanillas se vincula moi estreitamente con dous movementos básicos como son o das Irmandades da Fala e mais o do movemento agrarista, a súa produción literaria pode ordenarse tanto baixo criterios de tipo cronolóxico como temático-ideolóxicos, tendo en conta os cambios aos que o autor someteu os seus poemarios nas diversas reedicións, o que evidencia a súa evolución estética e incluso ideolóxica, aspecto complexo reflectido na permeabilidade da súa voz poética e nas direccións múltiples que circulan en toda a súa obra, por veces entrecruzándose. No que atinxe á análise da súa obra, poden establecerse catro fases. Na primeira, entre os anos 1910-1915, o poeta abalou entre as influencias das lecturas dos nosos clásicos, a nova estética predominante nas letras españolas e os factores ideolóxicos que o animan a escribir como son o galeguismo e o agrarismo, que constitúen un vieiro que se reflicte en No desterro e en Vento mareiro. O primeiro destes, publicado en La Habana en 1913, cun prólogo de Basilio Álvarez e cun epílogo de Abdón Rodríguez Sánchez, consta na súa primeira edición de cincuenta poemas e foi reeditado na Coruña en 1926, desaparecendo tanto o prólogo como o epílogo. Contén poemas divididos en catro seccións: “Lexanías”, “Paisaxes”, “Follas soltas” e “Rimas”, incluíndo algúns poemas de inspiración patriótica con motivos temáticos próximos aos da poesía de Curros, pero onde o poder evocador da terra natal, cun rotundo ton descritivo acada un maior dominio, conxugando a voz sosegada e saudosa nalgúns poemas próximos aos rosalianos cun ton combativo que logo se fará máis activo e un certo ecoar modernista. Forman parte deste poemario títulos como “Curros Enríquez”, “Saraibiñas”, “Camiño adiante...”, “A Basilio Álvarez”, “Probiña da tola!”, “Quén no seu corazón non leva un arpa?”, “O que non morreu”, “Ás miñas costas, calada” ou “Reza un merlo no souto”. A devandita pluralidade recóllese tamén no seu segundo poemario: Vento mareiro (1915) cun limiar do padre Juan Rodríguez Cabrera, que presenta poemas escritos na emigración distribuídos en sete seccións: “Aluaradas”, “Da Terra asoballada”, “Cancións”, “Pombas feridas”, “Alleas”, “Dibuxos aldeanos” e “A morte do gaiteiro”. É este un libro no que transmite con claridade o seu obxectivo de pór ao día a poesía galega do momento coincindo composicións nas que, sen descoidar a voz cívica do poeta hai tamén un refuxio, na irrealidade; de aí inequívocos poemas de corte modernista nos que se advirte con facilidade a adoración á forma. En poemas como “Dous raposos”,“A morte do gaiteiro”, “Sono dourado”, “O cantar do que se alexa”, “Noite de lúa”, “O sábado na escola”, “Da traxedia de Pierrot” ou “A filla do rei”, Cabanillas reflicte tanto o seu intimismo como a súa ideoloxía redencionista, tinguida de agrarismo e conciencia social. En 1921 a editorial Galatea de Madrid editou unha segunda edición do libro, primeiro volume da Biblioteca Galicia, que incluía debuxos de Álvaro Cebreiro e a portada da autoría de Castelao. Nesta segunda versión hai diferencias con respecto á primeira; por unha banda, a separación da sección “Da Terra asoballada” do libro, pola outra o feito de engadir ou suprimir determinados poemas. Neste poemario, Cabanillas deixa translucir a súa voz íntima, chea dun lirismo sentimental mesturado coa súa ideoloxía que reflicte a preocupación polos temas sociais e políticos que concernen a Galicia. A pobreza, a emigración, a loita dos labregos e a presenza dos caciques, son algúns dos temas denunciados aquí polo poeta quen, ademais, defende a lingua e os costumes galegos. De 1915 a 1921, ábrese unha segunda etapa na que a aparición das Irmandades da Fala vai ocasionar que a súa obra sufra un cambio de orientación no que respecta á súa temática, pondo a súa voz ao servizo daquela ideoloxía, asumindo o galeguismo. Aquí insírese Da Terra asoballada (1917), volume que comezou sendo, en 1915, unha sección de Vento mareiro pero que se transformou cando o autor se incorporou ao movemento galeguista e ofreceu parte da súa poesía máis combativa e incendiaria aínda sen esquecer certas composicións máis propias dun lirismo sentimental e intimista. O libro inclúe seis poemas que xa se publicaran en 1915 na sección “Da Terra asoballada” do volume Vento mareiro (“Galicia!”, “Acción Gallega”, “A traxedia das follas”, “A fouce esquecida”, “No escuro” e “Lume no pazo”) e outros que foron aparecendo en diversas publicacións da época (Suevia, A Nosa Terra, Maruxa, Mondariz, etc). Posteriormente, en 1926, apareceu unha segunda versión de Da Terra asoballada que presentaba modificacións con respecto da primeira. Deste xeito, o ton revolucionario agrarista dos poemarios anteriores, substituíuse por un ton máis didáctico e educativo para que os lectores se achegasen á ideoloxía que xurdía. O seu labor como autor dramático é tamén moi importante e convérteo nun dos máis destacados dramaturgos da literatura galega do s XX. Iniciou a súa obra dramática motivado por Antón Villar Ponte, quen buscaba un escritor de moi recoñecido prestixio para levar adiante o seu proxecto de construír un teatro nacional. Nesta fase resultaría coherente incluír a peza teatral A man de Santiña, farsada en dous pasos (1921), a primeira peza de Cabanillas que foi o espectáculo co que se inauguraron as actividades do Conservatorio Nazonal de Arte Galego o 22 de abril de 1919, baixo a dirección de Fernando Osorio. A renovación e cambio de perspectivas sobre a función e necesidade do teatro veranse reflectidos nesta obra que sitúa, por vez primeira, a historia nun ambiente de clase alta, no pazo dun fidalgo e non só en boca de xente das clases baixas, como era habitual ata ese momento. O mesmo Cabanillas apunta nunha especie de prólogo á peza, que tenta amosar “canto ben ten de soave, maina, garimosa e aloumiñadora, en beizos de muller, a fala meiga da nosa Patria”. Por outra parte, o coidado formal e estrutural da obra é un mérito máis que se lle pode atribuír e que confirma esa busca dunha nova dignidade no teatro galego. É unha comedia de costumes de tipo amoroso e asunto relacionado coa fidalguía, na que se propón abrir novos horizontes para a dignificación da lingua literaria cuns personaxes ben caracterizados. A trama desenvolve o conflito amoroso entre D. Salvador e a súa sobriña Marirrosa que agarda a volta do seu mozo Ricardo das Américas. A continuación, entre os anos 1921-1931, desenvolveu o que se pode denominar como unha década ao servizo da ortodoxia galeguista, sendo resultado da vinculación co proxecto galeguista da época. Así, dedicou boa parte dos esforzos creativos á recreación literaria do noso pasado na busca de prestixiar a nosa propia identidade comezando por Estoria do bendito San Amaro que foi chamado no mundo o Cabaleiro de Arentei (1925), con debuxos de Castelao, onde desenvolve unha lenda centrada na eséxese da vida e milagres do santo, ata a peza O Mariscal. Traxedia histórica en verso (1926), drama histórico no que se erixiu a figura do nobre Pardo de Cela como símbolo do nacionalismo galego, tentando recuperar e engrandecer a súa figura dende a perspectiva dun heroe morto a mans dos casteláns, víctima da opresión centralista dos Reis Católicos que fora decapitado en Mondoñedo en 1483. A peza é dunha maior complexidade estrutural e dun exquisito coidado formal, unha das mellores obras históricas da literatura dramática galega. Neste aspecto vén amosar a función didáctica e o poder mobilizador que os teóricos das Irmandades da Fala lle concedían ao teatro. Escrita en verso, é a primeira peza que presenta tal extensión en todo o teatro galego que se escribira ata ese momento, e amosa a continuidade na busca dese teatro culto en lingua galega que tanto querían os homes das Irmandades. Aínda que aparece como coautor Antón Villar Ponte, o máis probable é que este lle dese a idea a Cabanillas para que fose el quen escribise o corpo da peza. A obra consta dun limiar e de tres actos ou xornadas. O primeiro acto contén dous cadros e catro e tres escenas respectivamente; o segundo acto ten catorce escenas e o terceiro está formado por dous cadros con oito e cinco escenas respectivamente. Non se representou ata o ano 1994, da man do Centro Dramático Galego. Foi utilizada como libreto polo músico Eduardo Rodríguez Losada (A Coruña 1886 - 1973) para a súa ópera homónima estreada en Vigo, no Teatro Tamberlick o 31 de maio de 1929, coa colaboración da Orquestra da Sociedade Filharmónica da Coruña e cos decorados de Camilo Díaz Baliño. Posteriormente a obra foi representada en Pontevedra, Ferrol, A Coruña e Madrid. Nesta etapa cómpre salientar a obra Na noite estrelecida (1926), obra que inclúe debuxos de Castelao. O poemario está constituído por tres sagas (A espada Escalibur, O cabaleiro do Sant Grial e O sono do Rei Artur), nas que, influído polo celtismo, enlaza a lenda do Grial con Galicia baseándose na versión castelá das novelas francesas do ciclo do Grial aínda que Cabanillas nestas tres sagas insinúe e suxira os acontecementos máis que os narre, inmobilizando a acción para describir con frecuencia os momentos máis relevantes da mesma. O poeta galeguiza o tema artúrico e o poemario aparece moi vinculado coa ideoloxía da saudade céltica propugnada por Vicente Risco, exaltándose a nación galega a través de elementos céltico-artúricos, de compoñentes modernistas en diversos elementos referenciais, no léxico, na fraseoloxía e nas metáforas, moi achegado, por outra banda, ao modelo prerrafaelista nas imaxes hieráticas e nos personaxes distantes que alí ofrece. Neste período cómpre referirse á obra A rosa de cen follas. Breviario dun amor (1927), poemario intimista que consta dun prólogo e de trinta e catro poemas de amor numerados en números romanos, artellado como unha expresión de sentimento puro vinculado co movemento romántico onde se amosa a influencia rosaliana e dos lieder de Heine, a carón da pegada da estética da saudade de Teixeira de Pascoães e de Bécquer. Na súa derradeira etapa (1949-1959) apareceron os seus últimos poemas, logo do silencio editorial, en parte producido polo seu crecente malestar co galeguismo da Segunda República e polos desgraciados sucesos da Guerra Civil española. Publicou en 1949 Camiños no tempo, inaugurando a editorial Bibliófilos Gallegos, como un paso máis no proceso de rexeneración da cultura galega, onde reuniu textos de poesía narrativa en catro partes diferenciadas (Dos verdes castros, As hedras do castelo, A lúa no adro e O quentor do lar), recollendo obras de libros publicados con anterioridade e outros espallados en revistas. Nesta obra incluíu o texto Romance do cristiano e do mouro na Franqueira, publicado de forma póstuma en 1974. Antífona da cantiga inaugurou a editorial Galaxia en 1951 e recolle unha escolma de cantares populares tradicionais precedido dun amplo prólogo do autor que é a mostra máis dilatada da súa prosa galega. Máis tarde apareceron Da miña zanfona, publicada na colección Xistral en 1954, conformado por dez poemas de requintada técnica literaria, e Versos de alleas terras e de tempos idos (1955), con limiar de Sánchez Cantón que contén traducións e paráfrases de textos poéticos clásicos e modernos da autoría de Safo, Lord Byron, Baudelaire, Oscar Wilde ou Ovidio, entre outros, partindo en moitas ocasións de versións noutros idiomas. Na súa produción cómpre engadir o poema escénico -prosa e verso- Macías o namorado, a xeito de guieiro musical sobre unha cantata de Ramón Otero Pedrayo no ano 1956; A virxe de Cristal (1956), versión escénica do poema de Curros Enríquez, e Galicia, 1808, na que se evoca o nacemento do Batallón Literario en Compostela, hoxe en día perdidas. Tamén cómpre mencionar a Ofrenda das fadas no portal de Belén. Retablo de nadal (1958), inscrita na tradición dramático-teatral do ciclo de Nadal e centrada no nacemento de Cristo e na visita dos Reis de Oriente. E, finalmente, Samos (1958), derradeira obra publicada en vida e con ilustracións de Agustín Portela Paz, un poema épico-didáctico de inspiración relixiosa onde procura un equilibrio interior a través dun propósito de unión coa natureza, composto ao longo das súas estadías no mosteiro homónimo e onde se recrea na descrición da vida da abadía beneditina, un dos seus máximos achados no que a poesía descritiva se refire, e amosa os seus magníficos dotes para o verso clásico que alterna entre os alexandrinos, as silvas, os hendecasílabos brancos ou os sonetos. Postumamente, ademais da Obra Completa editada en Bos Aires por Edicións Galicia en 1959, ordenada por Francisco Fernández del Riego, viu a luz Romaxes da Franqueira, que incluía o Romance do mouro e do cristiano e mais o Diálogo do Mouro i o Cristiano (1974), con introdución de Xosé Filgueira Valverde, no que recrea unha fábula semellante que conclúe cunha liorta entre o mouro e o cristián; amais diversas composicións soltas en xornais e revistas, fóra dos incluídos nos tres volumes da súa Obra completa, preparada por Xesús Alonso Montero (1979-1981). No que atinxe ás posibles influencias, cómpre lembrar a polémica cuestión da súa adscrición ao modernismo, onde resulta evidente no uso de certa fraseoloxía, vocabulario, métrica e estruturación das composicións, pero que dilúen o seu poder canónico ao se presentar, nunha atractiva mestizaxe literaria, con elementos doutra xinea como a vea reivindicativa, o peso da tradición ou o saudosismo portugués, as lecturas clásicas greco-latinas, e a influencia de escritores de orixe irlandesa como William B. Yeats ou Alfred Tennyson que, en definitiva, caracterizan parte da súa sincrética e plural poética que moderniza a poesía galega do momento, como testemuñan en diversas épocas a asunción da estética de compromiso vinculada á poesía currosiana, ao celtismo e ao ossianismo pondaliano, á materia de Bretaña, ao prerrafaelismo, ao misticismo, certo pouso costumista e continuista da poesía do s XIX, operando como ponte dos epígonos do Rexurdimento. Foi coroado poeta en Padrón o 8 de abril de 1958, nun acto que contou coa presenza de Ramón Otero Pedrayo, Aquilino Iglesia Alvariño e o cardeal Quiroga Palacios, entre outros persoeiros. Morreu en Cambados en 1959, e anos despois foi trasladado á igrexa de San Domingos de Bonaval onde hoxe repousan os seus restos. En 1976, coincidindo co centenario do seu nacemento, dedicóuselle o Día das Letras Galegas.
Cronoloxía
-
Nacemento
Lugar : Fefiñáns, Cambados -
Deceso
Lugar : Cambados