Cabanillas Gallas, Pío
Xurista, empresario e político. Licenciado en Dereito pola Universidad de Granada, foi bolseiro do Instituto de Estudios Jurídicos, profesor de dereito civil da Universidad Complutense e colaborador da sección de xustiza do Instituto de Estudios Políticos. A súa carreira profesional iniciouse en 1951, cando aprobou as oposicións para notario; aínda que logo tamén exerceu como rexistrador da propiedade e letrado da dirección xeral de rexistros e do notariado. Así mesmo, participou activamente nas comisións redactoras de diversas leis, entre as que salientan a do regulamento do réxime mercantil, do regulamento hipotecario, de demarcación xudicial, de redención dos censos cataláns, de quebras, da propiedade intelectual, de prensa e imprenta, de vendas a prazos, de adopción e do Estatuto da Publicidade. En 1960 foi elixido procurador en Cortes e vogal permanente da comisión xeral de codificación. En 1971 exerceu como procurador familiar en representación da provincia de Pontevedra e en 1972 foi nomeado decano do Colegio Nacional de Registradores de la Propiedad. A súa andaina empresarial comezou en 1960, actuando como secretario xeral de Barreiros Diesel S A; simultaneamente, dedicouse a promover a creación de sociedades con capitais estranxeiros. En 1971, acadou a presidencia do consello de administración de Tabacalera. A súa carreira política iniciouna como subsecretario do ministerio de Información e Turismo entre 1962 e 1969, logo foi secretario do Consello do Reino desde 1967 e, finalmente, ministro de Información e Turismo en 1974, cargo do que dimitiu debido á oposición franquista ao seu aperturismo. Coa chegada da democracia, logo da legalización dos partidos políticos, integrouse na Unión de Centro Democrático (UCD), pola que foi elixido deputado por Ourense en 1977, sendo nomeado ministro de Cultura e Benestar con UCD en 1977, no primeiro goberno democrático despois da Ditadura. Nos seguintes gobernos da UCD foi ministro adxunto de Presidencia e de Xustiza. En 1986 foi elixido deputado do Parlamento Europeo nas listas do Partido Popular (PP). Ademais de participar en numerosos consellos de redacción de revistas xurídicas, fundou a Revista de Derecho Notarial. Así mesmo, é autor de obras como Principios jurídicos de la publicidad española (1966), La finalidad y naturaleza de la exclusiva (1971), Consideraciones sobre los principios generales del derecho (1977) e Principios para una política cultural (1979). Foi académico da Academia Galega de Xurisprudencia e Lexislación e académico de honra da Academia de Publicidad de México. Recibiu a Gran Cruz do Mérito Civil e as cruces de San Raimundo de Peñafort, de Cisneros, do Xugo e as Frechas, do Mérito Naval e da Real Orde de Afonso X o Sabio. Foi nomeado fillo predilecto da provincia e da cidade de Pontevedra, da vila de Cambados e de Santiago de Compostela, onde tamén lle ofreceron a medalla de honra da cidade. Foi presidente emérito do Centro Gallego de Madrid.
Cronoloxía
-
Nacemento
Lugar : Pontevedra -
Deceso
Lugar : Madrid